Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que o PP converteu A Mariña en campión do paro

O BNG AFIRMA QUE O PP CONVERTEU A MARIÑA NO CAMPION DO PARO

Ana Ermida insiste en que “non é o momento das boas palabras senón dos feitos. É o momento de que o presidente Rajoy, como galego, faga valer os intereses de Galiza fronte ao resto do Estado”

Os nacionalistas demandan un marco tarifario propio para o país e aseguran que “o problema da tarifa eléctrica demostra que é necesario máis autogoberno para saír da crise”

A Mariña, 15 de setembro de 2012. Preto de100 coches participaron na ‘Ruta dos EREs’ organizada polo Bloque Nacionalista Galego para chamar a atención sobre o incremento do paro na comarca e urxir a implementación de políticas cuxo único obxectivo sexa a creación de emprego.

Dende Mondoñedo até San Cibrao, unha caravana automobilística foi pasando por diante dalgunhas das empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego como Aglomerados Ecar en Mondoñedo, Móbeis Hermida en Lourenzá, varias do polígono industrial de Foz e Construcións Mon en Burela até chegar á factoría de Alcoa cuxa viabilidade segue a ser incerta.

Sobre a continuidade da planta na Mariña, Ana Ermida, candidata para as vindeiras elecións autonómicas e portavoz do BNG no concello de Barreiros, cualificou de ‘inxusta’ a posición do país con respecto á tarifa eléctrica. “Galiza, por contar con excedente de produción e por ser unha das zonas de España onde a enerxía eléctrica é máis barata ao non ter que pagar custes de transporte, entre outros aspectos, debera poder dispor dunha tarifa eléctrica máis baixa que outras autonomías. O noso país merece un marco tarifario propio, máis cando se está a manter solidariamente o sistema extrapeninsular valorado en 1.800 millóns de euros ao ano”.

Ermida denunciou que “a comarca leva máis de tres anos sendo vítima das políticas do Partido Popular que xa provocaron a desaparición de centros de traballo emblemáticos como o de Cerámica de Sargadelos ou Gres Burela, lastrando, ao mesmo tempo, o futuro do mediano e pequeno comercio”.

Dende o BNG tildan de “desastrosos” os datos do paro na comarca que aseguran “nunca pasou por un momento tan crítico como o actual”. En agosto de 2012 había preto de 5.000 desempregados, un 37 por cento máis que no mesmo período de 2009. “De confirmarse o peche de Alcoa, superaríanse os 8.000 desempregados -insistiu a concelleira nacionalista-; a Mariña quedaría ferida de morte. Unha ferida á que contribúen a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que coñece os problemas das empresas pola prensa, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, campión do desmantelamento industrial. Ambos, co apoio e recoñecemento dos presidentes Núñez Feijóo e Mariano Rajoy e do ministro de Industria, José Manuel Soria. Ningún galego ou galega é capaz de entender como nun goberno estatal cun presidente nado no país e unha ministra galega, Ana Pastor, é incapaz de loitar polos interese dos seus propios veciños e veciñas”.

“Todos os políticos con competencias na búsqueda de alternativas para que Alcoa permaneza na Mariña deberían explicar que fixeron ao respecto. Alguén ten que responder pola incompetencia dos dirixentes do Partido Popular e cuxas consecuencias recaen en milleiros de familias” – concluíu a candidata nacionalista.

Exit mobile version