Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña denuncia que Lugo é a única provincia galega onde diminuíu o número de autónomos

ANA ERMIDA SINALA A NECESIDADE DE ARTELLAR FÓRMULAS PARA TRANSFERIR LIQUIDEZ AOS AUTÓNOMOS

O BNG da Mariña denuncia que Lugo é a única provincia galega onde diminuíu o número de autónomos

“A suba do IRPF para autónomos pon en perigo a continuidade de moitas microempresas da comarca”

Os nacionalistas tachan a Rajoy e a Feijóo de “líderes de promesas incumpridas”

A Mariña, 22 de setembro de 2012. Unha delegación do BNG da Mariña encabezada pola candidata ás autonómicas do 21-0, Ana Ermida, mantivo unha xuntanza con profesionais autónomos da comarca para coñecer como lles está afectando a crise económica e algunhas das medidas aprobadas polo Goberno de Mariano Rajoy, así como para escoitar as reivindicacións do colectivo.

Segundo datos do Ministerio de Emprego, Lugo é a única provincia de Galiza na que no mes de xullo, e por segundo mes consecutivo, se produciu una redución do número de autónomos. Diminución que os nacionalistas entenden “continuará crecendo trala entrada en vigor, o pasado 1 de setembro, da suba do IRPF para autónomos até o 19 por cento”. Segundo Ana Ermida “esta medida súmase ás políticas de asfixia aprobadas polo Goberno de Rajoy contra aqueles sectores e colectivos que poden ser claves na recuperación económica. A suba do IRPF para autónomos máis a suba do IVE poñen en perigo a continuidade de moitos pequenos negocios da comarca, xa que as perdas para os autónomos superarán o 9 por cento dos seus ingresos, chegando, nalgúns casos, ao 20 por cento”.

Dende as filas nacionalistas reclaman á Xunta de Galiza e ao Executivo central “a posta en marcha de plans específicos que favorezan a cultura emprendedora e apoien aos autónomos para que estes poidan crear postos de traballo. Tanto Rajoy como Feijóo prometeron facilidades para este colectivo pero, unha vez máis, trátase de promesas incumpridas. Ambos dirixentes populares son líderes de incumprimentos programáticos; dín unha cousa e fan a contraria. Ademais, todas as medidas de ataque ás microempresas as anunciaron despois de citas electorais como a andaluza, e non hai dúbida de que tralo 21-0 o Goberno do Estado anunciará novos recortes e novas medidas de asfixia para os traballadores e pensionistas e se Feijóo é reelexido anunciará accións contrarias as que xa está prometendo e prometerá na campaña. Dados os seus antecedentes, esixímoslle que sexan honestos cos seus votantes e con toda a cidadanía e desvelen os seus programas ocultos”.

O tempo que tardan en cobrar por parte das administracións públicas galegas segue a ser un dos principais problemas dos autónomos, que teñen que esperar unha media de 87 días. Neste senso, a candidata do BNG insistiu en que “as pequenas empresas son un elemento central na creación de riqueza e, polo tanto, hai que artellar procedementos que faciliten o acceso e a transferencia de liquidez”.

Exit mobile version