Para o BNG de Burela o PP segue a facer unha xestión nefasta do Concello
En primeiro lugar, un dos aspectos máis negativos é, sen dúbida, o uso interesado que está a facer o PP do Concello para colocar a dedo ao seu círculo de amizades, primando o interese político e persoal por riba do interese xeral dos veciños e veciñas de Burela.
Os procesos de contratación do PP non só non atenden a criterios de eficiencia e calidade nos servizos contratados, senón que ademais non respectan os principios de igualdade e mérito, como xa denunciamos publicamente desde o BNG o pasado mes de xullo en relación á selección de persoal para o GRUMIR e para o servizo de vixiancia e salvamento nas praias.
Do mesmo xeito, tamén apreciamos irregularidades nos labores que está a desenvolver parte do persoal contratado para o GMIR, como así lle preguntamos ao Alcalde no pasado Pleno de xullo. Non se entende como persoas que, sendo contratadas para realizar as tarefas propias dun Grupo Municipal de Intervención Rápida, estean a traballar en dependencias municipais tales como a Oficina de Turismo, a Casa da Xuventude ou nos propios servizos administrativos da Casa do Concello. E o Alcalde, ante as nosas preguntas, recoñeceu que el mesmo ordenou que fixesen estas actividades, co cal está recoñecendo que está incumprindo a lei: está desviando os cartos que a Xunta deu para contratar aos GMIR para cumprir outras funcións dentro do Concello.
A peor parte, como sempre, lévamola os veciños e veciñas, como quedou demostrado no incendio a finais do mes pasado nun local de hostalaría de Burela, do que afortunadamente non temos que lamentar desgrazas persoais. O señor Barcia recoñeceu publicamente que foi “un erro humano puntual”, mais aínda non tivo a ben dar explicacións de como se desenvolveu a actuación do GMIR neste incendio, no que sabemos que estiveron en risco a vida de moitas persoas e no que foi fundamental a colaboración do propietario e empregados do local, así como das veciñas e veciños afectados.
Para o BNG, o alcalde é o responsábel último da organición e xestión destes servizos fundamentais para o correcto desenvolvemento da vida diaria das persoas no noso Concello e, por iso, ten que dar repostas claras ante unha situación de tanta gravidade como esta, pois a mala xestión dun servizo tan importante como o GMIR pode supór un serio risco para os veciños e as veciñas.
Como non pode ser doutro xeito, o BNG de Burela vai plantexar unha serie de preguntas no próximo pleno municipal co fin de que o señor alcalde aclare os feitos e explique as medidas que se van adoptar para corrixir as deficiencias existentes neste servizo.
Outra das cuestión que nos preocupa no BNG é a falta de seriedade e de respecto con que o Goberno Municipal está a tratar aos colectivos da nosa vila.
O PP, co señor Barcia á cabeza, enganaou ás asociacións culturais cando durante a campaña electoral lles prometeu axudas que sabía que non podería conceder e, por se fose pouco, ao entrar no Goberno o PP fixou unhas taxas polo uso das instalacións municipais. Desde decembro do pasado ano, moitos colectivos están á espera dun convenio co Concello no que as entidades sen ánimo de lucro fiquen exentas do pagamento destas taxas, como así nos dixeron que ían facer e sobre o que preguntamos máis dunha vez, obtendo a calada por resposta. Esta taxas supoñen unha carga para as asociacións de carácter non lucrativo, dificultando o desenvolvemento dos seus labores sociais ante a desidia das respectivas concellerías municipais.
Sabemos o esforzo que supón organizar actividades culturais, lúdicas e deportivas para moitas asociacións, por iso demandamos unha solución inmediata por parte do Concello e que deixe de adiar máis esta cuestión de vital importancia para o tecido asociativo da nosa vila. A Delegación de Cultura, entre outras, non pode ollar para outro lado e debería asinar canto antes un convenio de colaboración coas entidades culturais e deportivas.
E, por último, tampouco escondemos o noso descontento (ao que se lle une o de moitos veciños e veciñas de Burela que a nós se dirixen) polo estado tan lamentábel en que se encontra a nosa vila. Podemos apreciar como o lixo se acumula nas nosas rúas día tras día e como as beirarrúas se atopan inundadas de maleza, sen que se tomen medidas para solucionar un problema non só estético, senón de saúde pública.
En resumo, falamos hoxe só destas tres cuestións concretas que demostran a ineficacia e nefasta xestión do equipo de goberno do PP, no que, non hai que esquecer, hai tres persoas cobrando 100.000 € ao ano.