Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demándalle á Xunta “unha solución xa para a tarifa eléctrica de Alcoa”

XOAN ESTÚA DEMANDA A FEIJÓO “UNHA SOLUCIÓN XA PARA A TARIFA ELÉCTRICA DE ALCOA”

Xoán Estúa foi nomeado coordinador de campaña do BNG na Mariña na comisión electoral que o BNG celebrou esta tarde

“Feijóo ten que exercer de presidente e dicir algo. Non pode permanecer calado máis tempo sobre esta problemática que afecta a milleiros de mariñáns” –afirmou Xoán Estúa

A Mariña, 5 de setembro de 2012. Esta tarde xuntouse a comisión electoral do BNG da Mariña para planificar a campaña electoral que rematará nas eleccións autonómicas do vindeiro 21 de outubro, na que se nomeou coordinador da campaña ao concelleiro de Cervo e vicerresponsábel comarcal do BNG da Mariña, Xoán Estúa.

Para Xoan Estúa “existe unha problemática principal actualmente na Mariña que pasa por garantir a continuidade de Alcoa, algo que non vai acontecer até que se estabeleza unha tarifa eléctrica que lle permita traballar nas mesmas condicións co que se asegure o mantemento de todos os postos de traballo actuais. Diante disto, temos que demandar unha vez máis unha solución ao goberno que preside o sr. Feijóo, que ten que exercer de presidente e dicir algo. Non pode permanecer calado máis tempo sobre esta problemática que afecta a milleiros de mariñáns”.

Desde o BNG da Mariña denuncian que o Executivo de Feijóo estivo ausente durante toda a lexislatura seguindo a estratexia de que os problemas soluciónanse sos. “Galiza e a nosa comarca perderon case catro anos cun Goberno que non exerceu as súas competencias e que ficou alleo aos problemas da Comarca, xogando ao despiste en casos coma os dunha industria como Alcoa que aporta ao redor do 35 por cento do PIB lucense e que emprega a máis de 2.000 traballadores. Feijóo sabe que a posibilidade de que Galiza teña unha tarifa eléctrica máis baixa é algo real e posible, por ser un país con excedentes de produción e que soporta os custes sociais e medioambientais, cando por exemplo, o propio sistema eléctrico mantén solidariamente o sistema extrapeninsular (Ceuta, Melilla, e as illas) nun custe estimado para este ano duns 1.800 millóns de euros mais, non obstante, permanece calado e mira cara outro lado, e isto terá que explicárllelo a todas e todos os mariñáns e lucenses”.

Para os nacionalistas mariñáns “o 21 de outubro os galegos e galegas teñen que elixir un goberno que traballe a favor dos cidadáns e non a favor da protección da banca e de aqueles que levaron ao país á grave situación económica e financeira actual e ás cifras máis altas de desemprego de toda a historia. Tanto Galiza como a Mariña merecen un goberno que busque fórmulas para conservar e crear emprego, que poña en marcha plans de industrialización e desenvolvemento económico crible e efectivos e garanta a igualdade de oportunidades. Os cidadáns demandan solucións xustas e actuacións efectivas, non propaganda e desculpas por enganos”.

Exit mobile version