Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia o empeño do PP en que os focenses reciban unha atención sanitaria de segunda ou terceira categoría

O BNG ORGANIZA UN ACTO EN FOZ EN DEFENSA DO EMPREGO E A SANIDADE PÚBLICA

Basanta denuncia o empeño do Partido Popular en que os focenses reciban unha atención sanitaria de segunda ou terceira categoría

Os nacionalistas creen que é posible pór en marcha un novo modelo político e de xestión que permita saír da crise sen descoidar os dereitos dos cidadáns

Foz, 26 de setembro de 2012. “Emprego con dereitos, sanidade de calidade” é o lema do acto público que celebrará o Bloque Nacionalista Galego mañá, xoves 27 de setembro, na Sala Bahía de Foz, ás 20:30 horas, coa presenza do voceiro nacional da formación nacionalista, Guillerme Vázquez, a candidata ás autonómicas do 21-O, Ana Ermida, un representante do comité de empresa de Alcoa, Xosé Paleo, e o portavoz da comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública, Atilano Fernández.

A defensa do emprego e a sanidade pública de calidade son dúas das máximas do BNG segundo explica Xan Carlos González Basanta, portavoz do partido en Foz, quen insiste en que “o espectacular deterioro da atención sanitaria no municipio non ten precedente, é un atentado contra a saúde dos cidadáns. É imposible poder explicar con coherencia que un Goberno deixe á segunda poboación da comarca sen servizo de urxencias 24 horas, ademais de promover o progresivo desmantelamento do centro de saúde. O Partido Popular está empeñado en que todos os veciños e veciñas da Mariña reciban unha atención sanitaria de segunda ou terceira categoría”.

“Á Xunta de Galiza – continúa Basanta- non lle é suficiente con discriminar aos focenses reducindo a prestación de servizos sanitarios no municipio senón que atenta contra o futuro de toda a comarca coa súa falla de iniciativa para garantir e crear novos empregos”.

O portavoz do BNG asegura que “se están acadando cifras récord de desempregados sen que o Goberno de Feijóo presente medidas para evitalo. O Executivo autonómico é cómplice do Goberno estatal que segue sen presentar solucións para garantir a pervivencia de Alcoa en San Cibrao. A piques de que remate o prazo dado pola empresa para o seu feche, o presidente da Xunta, os seus conselleiros e o ministro de Industria, seguen facendo meras declaracións de intencións”.

Dende as filas nacionalistas están convencidos de que “é posible pór en marcha outro proxecto político e de xestión que axude a saír da crise sen degradar ou suprimir dereitos básicos dos cidadáns. Galiza e a Mariña merecen e poden ofrecer emprego respectando os dereitos dos traballadores e unha sanidade pública de calidade para todos”.

Exit mobile version