Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG di que é esperpéntico que o alcalde de Barreiros responsabilice a Ribadeo dos problemas no subministro de auga

OS NACIONALISTAS TILDAN DE ESPERPÉNTICO E SORPRENDENTE QUE ALFONSO FUENTE RESPONSABILICE AO CONCELLO DE RIBADEO DOS PROBLEMAS NO SUBMINISTRO DE AUGA QUE SOFRIU BARREIROS DURANTE O VERÁN. PARA O BNG ISTO É FROITO DA DESATENCIÓN TOTAL DO SERVIZO POR PARTE DO EQUIPO DE GOBERNO E DE NINGUÉN MÁIS.

Barreiros, 25 de setembro de 2012. O BNG tilda de esperpéntico e sorprendente que o alcalde, Alfonso Fuente, responsabilice ao Concello de Ribadeo dos problemas no subministro de auga que sofriu Barreiros durante o verán. No pleno de onte o rexedor acusaba a Ribadeo de terlle secado un río do que se abastecía de auga. A portavoz nacionalista, Ana Ermida, asegura esta situación é froito da despreocupación e desatención que o alcalde de Barreiros e o seu equipo tiveron co servizo de abastecemento de auga durante anos. Os nacionalistas pídenlle que asuma responsabilidades e que deixe de faltarlle á intelixencia dos veciños e das veciñas de Barreiros.

Ermida explicou que “no pleno celebrado onte en Barreiros o BNG preguntou, como xa tiña anunciado, polos problemas de subministro que houbo este verán coa auga e coa depuradora de Reinante. E preguntamos tamén a respecto das novas dos últimos días sobre os problemas que hai no pago da auga. E o que se nos respostou dende a Alcaldía a verdade é que foi un tanto sorprendente, porque agora resulta que o problema maior para que as veciñas e os veciños de Barreiros se quedaran sen auga parece ser que é culpa do Concello de Ribadeo, algo inaudito e que dende logo o único que demostra é que Alfonso Fuente e o Partido Popular son expertos en botar balóns fóra e en buscar culpables. Son incapaces de asumir as súas responsabilidades”.

Desde o BNG lembran que “primeiro dicían que era por causa da seca, despois dicían que era polos problemas que había nas tuberías, despois era culpa do consumo que facían os veciños e agora resulta que a culpa é do Concello de Ribadeo. Parécenos esperpéntico que un alcalde diante dun pleno se dedique a buscar disculpas, a botar balóns fora, a vender fume e dende logo a non asumir as súas responsablidades como gobernante. Porque os problemas coa auga levan anos existindo, agraváronse ademais casualmente dende que este señor chegou a Alcaldía do Concello de Barreiros e iso non é por outra cousa que por unha nefasta xestión tamén no que respecta á rede de auga, por unha despreocupación absoluta e por unha desatención total deste servizo”.

A portavoz do BNG en Barreiros, Ana Ermida, insistiu en que “este ano a problemática agravouse e dende logo non entendemos que o motivo sexa por esa captación do Concello de Ribadeo, que leva anos aí e que nunca ata este momento se detectara. Tamén da boa conta do coñecemento que teñen os gobernantes do Concello de Barreiros dos servizos que hai no municipio, porque nunca ata este momento se detectara ou polo menos así no lo dixeron. Esa captación leva anos aí e nunca houbo tantos problemas como durante este verán, co cal dende o BNG pedimos que asuman a responsabilidade de goberno que teñen, que non lle falten á intelixencia aos veciños de Barreiros, porque todos sabemos que a responsabilidade de que os servizos públicos funcionen é do goberno municipal e como cabeza visible que é o alcalde de Barreiros debe asumir as responsabilidades que ten e tratar de poñer as solucións óptimas e definitivas derriba da mesa, tal e como lle pediu o BNG xa a principios de verán, cando o que fixo naquel momento foi negar que existise ningún problema ademais de tacharnos de mentireiros e de alarmantes”.

Desde o Bloque Nacionalista Galego pídenlle ao Partido Popular, “neste caso a Alfonso Fuente, que asuman as responsabilidades que teñen, que deixen de botar balóns fóra e que poñan dunha vez por todas solucións a estes problemas que está habendo nas redes de subministro de auga”.

Exit mobile version