Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insiste en que “as políticas do PP son un atentado contra a creación de emprego e o benestar social”

O BNG DA MARIÑA PRESÉNTASE COMO ÚNICA ALTERNATIVA ÁS POLÍTICAS DE DEREITAS

Antonio Veiga afirma que “o 21 de outubro Galiza debe elixir un goberno que defenda os intereses dos cidadáns e non os da banca”

Os nacionalistas insisten en que “as políticas do PP son un atentado contra a creación de emprego e o benestar social”

A Mariña, 4 de setembro de 2012. A asemblea comarcal do BNG da Mariña reuniuse, esta tarde, para planificar a campaña electoral que rematará nas eleccións autonómicas do vindeiro 21 de outubro, as cales, segundo o responsable comarcal dos nacionalistas, Antonio Viega, “deben marcar un antes e un despois para o futuro da Comarca”.

Durante a súa intervención, Veiga insistiu en que “os nacionalistas representan a única alternativa real ás políticas neoliberais que defende o Partido Popular e que os gobernos de Mariano Rajoy e Núñez Feijóo xa demostraron que son un atentado contra a creación de emprego e o benestar social. As únicas medidas que coñecen os populares son as centradas no desmantelamento dos servizos públicos, principalmente da educación e da sanidade. As políticas do PP son as políticas do fracaso económico e social: aumentan a crise, as desigualdades sociais e castigan aos colectivos máis vulnerables como á mocidade, os dependentes ou os pensionistas.”

Dende o BNG da Mariña denuncian que o Executivo de Feijóo estivo ausente durante toda a lexislatura seguindo a estratexia de que os problemas soluciónanse sos. “Galiza e a nosa comarca perderon case catro anos cun Goberno que non exerceu as súas competencias e que ficou alleo aos problema da Comarca”.

Para Antonio Veiga “o 21 de outubro os galegos e galegas teñen que elixir un goberno que traballe a favor dos cidadáns e non a favor da protección da banca e de aqueles que levaron ao país á grave situación económica e financeira actual. Tanto Galiza como a Mariña merecen un goberno que busque fórmulas para conservar e crear emprego, que poña en marcha plans de industrialización e desenvolvemento económico crible e efectivos e garanta a igualdade de oportunidades. Os cidadáns demandan solucións xustas e actuacións efectivas, non propaganda e desculpas por enganos”.

Exit mobile version