Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo contra a retirada de 67 mil euros do orzamento para abonar a paga extra de nadal ao persoal municipal

O BNG POSICIONOUSE HOXE NA COMISIÓN ESPECIAL DE CONTAS CONTRA A RETIRADA DA PAGA EXTRA DE NADAL AO PERSOAL DO CONCELLO.
Estúa criticou que esta medida supón unha intromisión do goberno do Estado na autonomía municipal, recorta dereitos laborais e un golpe contra a reactivación do consumo con afectos negativos no comercio local.
Os nacionalistas xa anunciaron que alí onde gobernan tratarán de tomar as medidas oportunas para impedir esta medida inxusta e negativa para a reactivación económica.

Cervo, 21 de setembro de 2012. O BNG posicionouse hoxe contra a retirada de 67.123,37 euros do orzamento destinados a abonar a paga extra de nadal ao persoal municipal ao entender que esta medida aprobada polo goberno estatal do PP contida no Real Decreto-Lei 20/2011 do 13 de xullo supón unha intromisión dentro da autonomía municipal, é inútil, inxusta e recorta dereitos laborais ademais de provocar efectos negativos na reactivación económica e un golpe ao comercio local que perde a posibilidade de beneficiarse dos gastos extra que se producen na tempada navideña.
Unha medida inxusta que terá efectos negativos sobre o comercio local cunha rebaixa no consumo na tempada navideña.
O PP aproveita a crise económica para recortar dereitos adquiridos con medidas inxustas e que non van na dirección de reactivar a economía senón todo o contrario, neste sentido enmarcouse a negativa do BNG a apoiar hoxe na Comisión Especial de Contas a medida proposta polo goberno local de retirar do orzamento municipal 67.123,37 euros destinados ao abono da paga extra de nadal aos traballadores municipais. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, argumentou que ademais de inxusto supón un recorte do consumo na tempada de nadal da que tradicionalmente se beneficia o comercio local que sen dúbida notará os efectos negativos deste recorte.
Unha imposición do goberno de Rajoy que o BNG non comparte e tratará de impedir alí onde goberna.
Unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. Xa hai administracións que se mostraron insubmisas a esta medida e o BNG xa anunciou que alí onde goberna tratará de manter a paga extra de nadal para os seus traballadores e traballadoras, concluíu Estúa.

Exit mobile version