Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta alegacións á conta xeral do 2011 de Muras por irregularidades

O BNG PRESENTA ALEGACIÓNS Á CONTA XERAL DE 2011 DO CONCELLO DE MURAS POLAS IRREGULARIDADES NA CONTRACIÓN DAS OBRAS DE EXECUCIÓN DA ALDEA ETNOGRÁFICA

Critican a ilegalidade na contratación de obras levadas a cabo na Aldea Etnográfica sobre terreos que foron propiedade do propio Alcalde.

Feijoo segue avalando a actitude dun alcalde prepotente que usa o cargo para beneficio persoal

Muras, 6 de setembro de 2012. O BNG da Mariña por medio do seu Viceresponsábel Comarcal, Xoán Antón Estúa unha vez mais a actitude antidemocrática do alcalde de Muras, Issam Algnam Azzam que se negou a responder a preguntas do portavoz municipal nacionalista en Muras, Manuel Requeixo, despois de que este presentara alegacións contra a conta xeral do exercizo 2011 ao entender que existen irregularidades na contratación de obras de execución na Aldea Etnográfica ao conceder parte das actuacións a Comunidades de Béns que legalmente están imposibilitadas para contratar coa administración pública. Segundo Estúa ao alcalde deste concello pono moi nervioso que se pregunte sobre a aldea etnográfica porqué de momento el e a súa familia seguen sendo os máximos beneficiarios deste proxecto e non os veciños de Muras.

O alcalde e a súa familia son os máximos beneficiados económicos polo proxecto da aldea etnográfica

Estúa denunciou que no pleno ordinario do pasado xoves 30 de agosto, onde se debatía a aprobación da Conta Xeral do Exercicio 2011, cunha duración de 10 minutos, o alcalde impediu realizar preguntas ao Concelleiro do BNG en Muras, Manuel Requeixo sobre a xestión económica no ano 2011, ano no que se levaron a cabo as inversións na Aldea Etnográfica. Segundo insistiu o portavoz nacionalista, o alcalde e a súa familia venderon ao concello do que é rexedor municipal terreos, inmobles e madeira por mais de 400.000 euros mediante unhas bases de adquisición feitas a medida dos seus intereses.

O BNG presenta alegacións polas irregularidades na contratación das obras de execución.

Os nacionalistas explicaron que a conta xeral aprobada cos votos a favor dos concelleiros do Partido Popular, a abstención do PSOE e o voto en contra do BNG que presentou as alegacións anunciadas sinalando as ilegalidades de contratar con Comunidades de Bens por estar impedidas para contratar coas administracións públicas, pois só poden contratar persoas físicas e xurídicas e as Comunidades de Bens carecen de dita personalidade, cousa que o alcalde obviou na adxudicación ao contratar con dúas C.B. actuacións por importe de 430.118,82 euros, pasando por riba da Lei de Contratos da Administración do Sector Público e dos acordos da Xunta Consultiva de Contratación,

A falta de respecto no trato á corporación e a mala educación son os principais argumentos deste alcalde.

O pleno tivo lugar nun ambiente de moita crispación e con continúos insultos e ninguneos ao Concelleiro do BNG, sorprendido este ante a rapidez con que se desenrolou (10 minutos) e pedíndolle explicacións ao Sr. Issam Algnam Azzam , pois estábanse a tratar temas que implican á viabilidade económica do Concello de Muras moi importantes polo elevado do gasto , o contexto no que nós movemos e ante o que se considera unha ilegalidade.

O Sr. Feijoo fai a vista gorda e permite que o alcalde siga cometendo irregularidades e enriquecéndose a conta do erario público.

Para Estúa non é de recibo que o alcalde de Muras continúe usando o seu posto como alcalde para o seu beneficio persoal e neste sentido esixe ao Presidente en Funcións da Xunta de Galiza e máximo responsábel do PP que poña orde e cordura entre os seus xa que ten pleno coñecemento do que está a suceder en Muras ao tratarse este tema no Parlamento. Non se pode consentir que o financiamento do Fondo de Compensación Medio Ambiental que neste caso supuxo un investimento de 560.000 euros, serva unicamente para beneficio persoal dun alcalde mentres o presidente da Xunta e do partido continúa mirando cara outro lado como si aquí non pasara nada, concluíu Estúa.

Exit mobile version