Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicita agora unha xuntanza da Deputación Permanente do Parlamento galego para fixar unha postura sobre Alcoa

O BNG SOLICITA A CONVOCATORIA DA DEPUTACIÓN PERMANENTE DO PARLAMENTO GALEGO ANTE A SITUACIÓN LÍMITE DE ALCOA

Veiga urxe a Barreiro a que confirme se avala o silencio de Mariano Rajoy e Núñez Feijoó sobre a solución da tarifa eléctrica da factoría

Os nacionalistas esperan que “o Partido Popular non estea a tensar a situación para ofrecer unha solución xusto ao inicio da campaña electoral”

“O PP vai á Mariña a inaugurar sedes en lugar de buscar solucións ao futuro de Alcoa”

A Mariña, 12 de setembro de 2012 O BNG solicita que se convoque, de xeito urxente, unha xuntanza da Deputación Permanente do Parlamento galego para fixar unha postura sobre a situación límite da planta de Alcoa na comarca.

O responsable comarcal do BNG na Mariña e vicepresidente da Deputación provincial de Lugo, Antonio Veiga, asegura en que “xa non hai tempo para buscar solucións, é o momento de dar a coñecer como se pode resolver o problema da tarifa eléctrica se é que o goberno de Mariano Rajoy é capaz de pór sobre a mesa algunha medida ao respecto. Estamos nunha situación límite a consecuencia da falla de preocupación, interese e acción de goberno dos executivos central e autonómico”.

O BNG desconfía de que “o Partido Popular estea a tensar a situación para presentar a solución ao futuro de Alcoa na Mariña no último momento e xusto ao inicio da campaña electoral. A estas alturas é incompresible que o goberno do Estado non presentara ningunha alternativa para evitar o peche da factoría”.

Para o responsable comarcal da formación nacionalista “se Alcoa se ve obrigada a pechar pola falla de iniciativa dos gobernantes do Partido Popular haberá dous responsables claros da desfeita económica e social que se vivirá na comarca: Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo. Ningún dos dous foi capaz de liderar este problema buscando solución, garantindo a continuidade da planta e evitando o despedimento de 2.000 traballadores”.

Para Antonio Veiga “José Manuel Barreiro, portavoz dos populares no Senado e presidente provincial do PP lucense, debe aclarar se apoia ou non o silencio de Rajoy e Feijóo sobre o futuro de Alcoa. Barreiro debería aclarar que papel ocupa dentro do equipo económico do Partido Popular porque aínda que forma parte del demostra non ter influencia nin iniciativa. Os populares veñen á Mariña a inaugurar sedes pero pasan de longo ante o problema de Alcoa”.

Exit mobile version