Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG súmase á marcha desde a factoría de Alcoa en San Cibrao até o cruce do Castelo

ANTONIO VEIGA PARTICIPA NA MANIFESTACIÓN NA DEFENSA DA CONTINUIDADE DE ALCOA

O responsábel comarcal do BNG na Mariña afirma que “o tempo esgótase e desde o BNG, xunto a todos estes traballadores e as súas familias que hoxe se manifestan, reclamamos aos gobernos da Xunta e do Estado que atopen solucións”

Os nacionalistas non queren que ”o PP siga a xogar ás agachadas, desoíndo o clamor da sociedade mariñá que demanda un futuro para a comarca que pende do fío da continuidade de Alcoa”

A Mariña, 13 de setembro de 2012 O responsábel comarcal do BNG na Mariña e vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, participa hoxe xunto a outros militantes e membros do BNG da Mariña na manifestación convocada polos traballadores de Alcoa para este mediodía, ás 3 da tarde, que consistirá nunha marcha desde a factoría até o cruce do Castelo. Antonio Veiga asegura en que “o tempo esgótase e desde o BNG, xunto a todos estes traballadores e as súas familias que hoxe se manifestan, reclamamos aos gobernos da Xunta e do Estado que atopen solucións. O PP non pode seguir xogando ás agachadas, desoíndo o clamor da sociedade mariñá que demanda un futuro para a comarca que pende do fío da continuidade de Alcoa”.

Desde o BNG xa reclamamos con todos os nosos medios e diante de todas as institucións, desde meses atrás, tendo que escoitar mentiras de certas persoas que afirmaban que as solución á tarifa eléctrica se coñecerían en agosto, –recriminou Veiga, que Alcoa é vital para a Mariña e que se debe asegurar a súa continuidade nun contexto de crise como o que vivimos, polo que non se pode dilatar máis no tempo a solución a este atranco. É o momento de que quen ten competencias na materia solucione o problema da tarifa eléctrica, se é que os gobernos de Mariano Rajoy e o seu cómplice Feijóo son capace de pór sobre a mesa algunha medida ao respecto. Estamos nunha situación límite a consecuencia da falla de preocupación, interese e acción de goberno dos executivos central e autonómico”.

Nesta liña, Antonio Veiga demandou “inmediatez na resposta diante dos traballadores e as súas familias e tamén inmediatez na decisión política pertinente, que garanta unha tarifa eléctrica que permita a Alcoa seguir funcionando cos seus marxes de beneficio sen que os elevados custes da enerxía repercutan nela, facendo que deixen de sobrevoar sobre a Mariña as pantasmas dunha deslocalización desta factoría, o que sería a noticia máis grave para a comarca e o que ningún mariñán desexa”.

Exit mobile version