Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén visita o pavillón dos Remedios para medirse co Ponte Ourense

JAVIER PARDEIRO: ‘ESPÉRANOS UN PONTE OURENSE FERIDO E PERIGOSO’

Do arrecendo especial que difunden os derbis contaxiarase mañá o Burela FS Pescados por primeira vez en 2012-13, coa svisita ao impoñente pavillón dos Remedio, ás 17.00 horas. “Medirémonos a un Ponte Ourense ferido, polo seu dificultoso inicio de liga, e precisamente máis perigoso pola ansiedade de facerse cos primeiros puntos”, preveu Javier Pardeiro para o gran duelo da terceira xornada de Primeira, no que “se vivirá un ambiente moi animado, nunha cancha onde o Burela FS tamén ten moitos seguidores”.

A escuadra laranxa viaxará nunha boa dinámica competitiva, tras a vitoria ante o Gironella (4-0), e de adestramentos, aínda que coas incógnitas de Lara, cunha escordadura de nocello, Haydee, que segue arrastrando molestias no xeonllo, e Paula, minguada por un proceso catarral.

O técnico mariñán destacou o potencial do rival e amosouse cauto con respecto á cita. “Aínda que perdeu dous baluartes, a xenialidade goleadora de Amparo e a técnica e carácter de Raquel de Souza, o Ponte mantén un bloque con calidade, que ademais recibiu o reforzo dende o Valladolid FS de Rosángela, unha xogadora exquisita coa que teremos que ter especial coidado” analizou Pardeiro, xustificando en certa medida os resultados desfavorables das ourensás: “Aínda que pode parecer sorprendente o inicio dificultoso do Ponte, o calendario non lle axudou moito, posto que se estreou nunha pista moi complidada para calquera, a do Gironella (3-1), e despois a sorte tampouco o acompañou fronte a La Rioja (2-3), un equipo ultradefensivo e moi reforzado xa dende mediados da tempada pasada”.

“Para elas será un grande aliciente conseguir os tres primeiros puntos ante un rival galego, no entanto o Burela FS tamén chega moi motivado; unha vitoria daríanos aire fresco para tocar a zona alta, neste primeiro tramo” vaticinou o adestrador, vendo no derbi “un encontro interesante, divertido e, sobre todo, no que podemos demostrar que podemos ir asumindo unha liña ascendente”.

No banco pontino faltarán Marta, cunha lesión de peroné, e Laura Fernández, castigada cun partido de sanción a semana pasada fronte ás rioxanas.

Exit mobile version