Os días 4, 5 e 6 de outubro terán lugar as XIII Xornadas de Teatro de Burela, nas que contaremos con recoñecidas compañías teatrais galegas. As I Xornadas de Teatro organizadas polo Buril tiñan lugar alá polo ano 1987, celebrándose ininterrompidamente durante doce edicións ate 1998. Desde o C.C. Buril quixemos recuperar aquelas míticas xornadas de teatro que chegaron a ser un referente no panorama teatral galego, dando así continuidade a unha proposta cultural, que 14 anos despois aínda segue a ecoar na cabeza de moitas burelás e burelaos.
A programación teatral de outono do Buril remata o día 27 de outubro, coa representación da obra Radio Universo da compañía Nostrum Cai, tamén dentro dos Circuítos Buxiganga.
Kasi Circo. Sinopse
“A obra Kasi Circo trata a história de dúas personaxes aparentemente correntes, Silvio e Monik, dous limpadores dun circo de fama internacional. Unha mañá calquera, dispostos a emprender de novo os seus rutinários traballos, acontece algo que cambia o rumbo das súas vidas. O león do circo escapou da gaiola e comeu os artistas; ante tal desenlace, os limpadores deciden que o espectáculo debe continuar e co beneplácito do público presente propóñense representar os artistas que tantas veces viron. Aínda que a intención é o que conta, resultan ser bastantes desastrosos nas súas representacións debido á súa evidente falta de formación. Aínda así seguen adiante até o final, final que non deixa indiferente, posto que en realidade todo foi un soño.
A obra, ademais de entreter e rescatar sorrisos entre o público, pretende mandar unha humilde mensaxe cara á posibilidade de facer realidade os soños. Como nos pasou a nós mesmos, primeiro soñamos facer realidade un grupo teatral e finalmente o soño cumpriuse.”