Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo cultural Buril presenta as XIII Xornadas de teatro

XIII Xornadas de teatro

4, 5 e 6 de outubro
Auditório municipal
Burela 2012

Xoves 4, ás 21:30 horas. iLalelo
Carlos Blanco & Budiño DJ

Venres 5, ás 21:30 horas. Chebrévere. O Bo se breve dúas veces chévere
Grupo Chévere

Sábado 6, ás 18:00 horas. Vacacións no Mar
Mircromina Títeres

XIII XORNADAS DE TEATRO
O RENACER DUNHAS XORNADAS DE TEATRO HISTÓRICAS.

As Xornadas de Teatro de Burela foron organizadas polo Colectivo Cultural Buril desde o ano 1987 ata o ano 1998. En total, foron doce edicións celebradas anualmente de forma ininterrompida, tendo lugar as cinco primeiras edicións no hoxe desparecido Cine Mon e as sete edicións restantes no Auditorio Municipal. Nas primeiras edicións, as xornadas incluían unha oferta diversa na que tiñan cabida desde compañías de teatro infantil e teatro afeccionado (Tanxerina, Barriga Verde… ou os grupos teatrais da A.C. Amado Lar de Ferreia do Valadouro, o grupo Ártabro Teatro da agrupación cultural Lumieira ou o propio grupo de teatro do C.C. Buril) ate compañías profesionais, entre as que encontramos a Teatro de Ningures, Sarabela, Teatro do Morcego, Talía… A partir da VII edición, as xornadas pasaron a ser principalmente unha mostra do teatro profesional galego con obras para o público adulto e infantil. Tamén debemos sinalar que dentro destas xornadas de teatro se organizaban actividades complementares, como o “premio das Letras Galegas” (coa correspondente publicación das obras premiadas), ou conferencias e mesas redondas temáticas sobre distintos aspectos relativos ao mundo do teatro.

As Xornadas de Teatro de Burela organizadas polo Buril, non tiveron continuidade no seu momento por distintos motivos, entre eles os problemas de financiamento, a aparición das programacións culturais promovidas polas institucións e a progresiva desarticulación do tecido asociativo.

Durante os 12 anos en que se celebraron, as Xornadas tiveron unha considerable transcendencia no acontecer cultural de Burela, cun importante número de asistentes ás representacións, contribuíndo á consolidación dun público que demostraba a súa fidelidade ano tras ano. Aínda que por riba da repercusión local e comarcal, hai que sinalar que as Xornadas de Teatro de Burela acadaron unha importante releváncia na escea galega, constituíndo, xunto con outras xornadas como a MIT de Ribadavia, a Mostra de teatro de Cee, o FIOT de Carballo, o FETEGA do Carballiño… un dos espazos referencias na xeografía do teatro galego.

No pasado ano 2011, o Concello de Burela, deixou de formar parte da Rede Galega de Teatros, á que pertenceu durante moitos anos, e que fixo posíbel que as máis importantes compañías teatrais galegas actuaran en Burela. Este feito supoxo a desaparición do teatro profesional da oferta cultural na pasada tempada 2011-2012. Tendo en conta esta circusntancia, e dado que Burela conta cunha importante tradición teatral, desde o Colectivo Cultural Buril consideramos que este ano 2012 é unha boa ocasión para recuperarmos as Xornadas de Teatro de Burela, na que será a XIII edición, dando así continuidade a aquelas xornadas que comezaban alá polo ano 1987 e que facían unha pausa en 1998. Dalgún xeito, e aínda que xa pasaron 14 anos desde as últimas xornadas celebradas, aquelas representacións teatrais aínda seguen ecoando na cabeza de moitas burelás e burelaos.

SINOPSE DAS OBRAS
iLalelo carlos blanco & budiño Dj
iLalelo. Con i pequeno.
Humor2.0
Retranca para o séculoXXI
Os monólogos de CARLOS BLANCO atopan acubillo e transfórmanse en hip-hop hipnótico nas bases de BUDiÑO DJ
Dúas figuras da escena galega UNEN AS SÚAS FORZAS!!
iLalelo!

Falando de redes sociais…
de redeiras cibernéticas,
De poemas imposibles.
Facendo participar ao público de salas e festas.
Con risas garantidas polo humor intelixente de CARLOS BLANCO.
Coa calidade musical de BUDIÑO DJ
(aportando tamén a súa música en directo).

iLalelo!

Un espectáculo chamado a mover masas.
A exportar o Galicia Calidade polo mundo.
Un show diferente a todos.
Fresco, valente, vivo…

Para non perdelo!

iLalelo!

Porque estamos no mundo….
iLalelo – carlos blanco & budiño Dj

facebook/ilalelotour

CHÉVERE
Título: CHEBRÉVERE
Subtítulo: O bó se breve dúas veces chévere

En escea: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron. Músicos ao vivo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián

No 2012 o grupo de teatro Chévere cumpre 25 anos de actividade escénica. En tal data a compañía non podía deixar de visitar Burela, pois esta vila foi unha das primeiras en confiar no seu talante teatral e aquí atoparon un dos seus primeiros públicos cómplices. Foi no desaparecido Cine Mon, alá polo final dos anos oitenta, convidados polo C.C. Buril, cando Chévere presentou a súa versión escénica dos míticos superheroes, “O mal non acouga”. Un título premonitorio do que sería a historia de Galiza e, por extensión, do resto do mundo nestas últimas dúas décadas. Tempo no que os Chévere tiveron que aprender a facer teatro de verdade para subsistir. Mellor ou peor, o feito é que chegaron ata aquí mantendo a súa independencia, deixando no camiño decenas de espectáculos, centos de actuacións e nada menos que 20 anos de actividade na Sala Nasa. Como nunha pequena festa de cumpreanos e como agasallo da compañía a todo o público de Burela e da Mariña, Chévere ofrecerá unha escolma de pezas breves extraíadas do seu repertorio clásico e recente. Sketches, cancións, personaxes e historias feitas a pé de escenario que retratan o xeito de entender o humor, o amor e os odios destes cómicos incansables que son os Chévere.

MIRCROMINA TEATRO DE TÍTERES

“Vacacións no Mar” é un espectáculo de títeres de luva, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramáticamente, cuns caracteres e uns aconteceres renovados para o público de hoxe en día.

Tanto as escenografías como os mecanismos e os bonecos son pezas únicas, deseñados e creados no obradoiro artesán de Mircromina. Este espírito artesanal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada específicamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a Compañía; en canto ó resto, é unha selección de músicas libres, orixinais de Rymsky-Korsakov unhas e temas populares interpretados pola formación lucense Kivitka as demáis.

Deste xeito, cun sinxelo e eficaz guión, unhas personaxes de marcadas personalidades e un ritmo trepidante, Mircromina fai a sua contribución á renovación deste xénero dramático e ó desfrute das almas nenas.
Sinopse

A Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro “Ovos con patacas”… pero nun descuido o pirata Ollo Virollo toma prestada a nave e faise ao mar. Tras 45 min de acción ¿Cumprirá Mariña o seu soño de dar a volta ao planeta?

Xénero: Comedia
Autor:Ton Arenas
Dirección:Ton Arenas y Zoila Gulín
Música:Rymsky-Korsakov, Kivitka e Notton Falsario
Deseño e construción:Ton Arenas
Público:Familiar
Duración:45 min.

Exit mobile version