Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo envía pratos de Sargadelos para a Semana de Galicia en Houston

O material promocional de Cervo e os pratos de Sargadelos para a Semana de Galicia en Houston están de camiño a Texas

-Nun envío conxunto remitiuse información turística en papel e un vídeo por parte do Concello; 50 exemplares de pratos de cerámica exclusivos por parte de Sargadelos e folletos de varias empresas do municipio nos que se describe a súa actividade

Cervo, 6 de agosto de 2012-Comeza a conta atrás para a primeira Semana de Galicia en Houston (Texas), na que Cervo se promocionará turística e empresarialmente a través da empresa Go Galicia Worldwide Business. Por iso, a empresa promotora e o Concello seguen dando pasos para que todo estea preparado de cara a esa cita que arrinca o 17 deste mes. A principios desta semana a administración local, Sargadelos e máis empresas do municipio que quixeron participar, fixeron un envío de todo o material promocional contemplado para a ocasión e que chegará previsiblemente ao seu destino a principios da semana que vén.

En concreto, remitíronse tres tipos de material para dar a coñecer Cervo, os seus atractivos e o seu tecido empresarial. Por unha banda, o Concello enviou información turística en formato impreso e audiovisual; Sargadelos fixo chegar 50 unidades dos pratos deseñados e elaborados exclusivamente para este evento co obxectivo de promocionar a súa cerámica amosando directamente o produto; mentres varias empresas asentadas no municipio incluíron neste envío folletos informativos da súa actividade, empresas que responderon ao chamamento realizado polo Concello para ter presenza na Semana de Galicia.

No caso concreto do Concello, o material consistiu en folletos de información turística e un vídeo de 7 minutos de duración pensado e feito con motivo do evento coas imaxes máis representativas de Cervo e con textos en inglés. Nel pódense ver as praias, a arquitectura tradicional, a zona rural, a riqueza paisaxística e patrimonial ou as festas da Maruxaina e da Queimada. Un vídeo que se poderá ver na páxina web creada para a Semana de Galicia en Houston e será proxectado durante a presentación de Cervo na cidade texana o día 17 deste mes e tamén durante a duración do evento nos distintos espazos de negocios e de encontro social de Houston.

Antes de efectuarse o envío de todos os artigos e documentos o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Turismo, Begoña Alonso estiveron na planta de Sargadelos xunto ao xerente da empresa, José María Martínez Cortizas para ver de primeira man o resultado final dese prato pensado e realizado para promocionar Cervo e a cerámica de Sargadelos en Houston. “El diseño es muy atractivo, y combina el azul cobalto tan característico de la cerámica de Sargadelos con el azul claro de la bandera de Galicia y el rojo” explica a edil de Turismo. “Un plato en el que se entremezclan los mapas de Galicia y de Texas para representar esa unión que existirá entre la comunidad gallega y el estado norteamericano” engade Alonso.

Exit mobile version