Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo de goberno de Burela aproba en solitario a súa xestión en materia de Protección Civil

O PLENO RATIFICOU A POLÍTICA QUE ESTÁ A LEVAR ADIANTE O GOBERNO MUNICIPAL EN MATERIA DE PROTECCIÓN CIVIL E PEDÍULLE QUE A MELLORE, ATENDENDO Á SITUACIÓN ECONÓMICA ACTUAL. GONZÁLEZ BARCIA LEMBROU VARIOS CASOS NOS QUE QUEDOU EN ENTREDITO O TRABALLO REALIZADO POLO GRUMIR NO MANDATO DO BIPARTITO.

Burela, 18 de setembro de 2012. O pleno da Corporación Municipal ratificou a política que se ten levado adiante desde xuño de 2011 en materia de protección civil e pedíulle ao goberno municipal que continue na mesma e que a mellore, atendendo á situación económica actual. Este acordo foi adoptado cos votos en contra do PSOE e do grupo mixto e cos votos favorables do equipo de goberno, o PP. José Mª González Barcia, lembroulle ao voceiro do PSOE que en setembro de 2010, sendo rexedor Alfredo Llano, se producía un incendio nun piso ao que o Grumir non puido acceder por orde da Garda Civil porque non levaban o material necesario para actuar. E tamén se referiu ao lume rexistrado nas instalacións de Absa.

O rexedor explicou que “desde estes dous grupos se me acusou persoalmente de ser o responsable do incendio rexistrado non hai moitos días nun establecemento hostaleiro de Burela, dixeron que non había medios e pedíuse a miña dimisión, atendendo tamén, segundo eles, a que o proceso de selección de persoal fora ilegal. Todo isto é pura demagoxia, nós cumprimos escrupulosamente a lei en materia de contratación do persoal do Grumir, solicitamos no seu momento cumprindo a lei a contratación anticipada deste persoal e solicitamos a contratación mediante o sistema de vinculación nominal exactamente igual que fixeron concellos do PSOE, do BNG ou concellos gobernados por alcaldes indepedentes”. González Barcia subliñou que “esa forma de contratación é legal e só se pode empregar para o Grumir. Si nós tramitamos a través do Servicio Galego de Emprego a contratación destas 12 persoas témolo que facer de forma legal, porque si actuásemos de xeito ilegal o Servizo Galego de Emprego non nos deixaría contratar a esas persoas”. E insistiu en que “estamos a actuar de forma legal, tanto é así que nin o PSOE nin o grupo mixto presentaron ata hoxe, e a contratación do Grumir se fixo a mediados de xuño deste ano, ningún escrito pedindo tan siquiera o expedente de contratación desas persoas. Si non piden ese expedente non poden decir que a contratación foi ilegal porque están mentindo, e no caso de ser así terían que ir directamente ao xulgado a presentar unha denuncia contra o equipo de goberno ou contra o seu alcalde aducindo que a contratación do Grumir se fixo de forma ilegal, pero non o fixeron”.

Para o rexedor de Burela “a oposición o único que pretende é facer demagoxia e tentar confundir aos cidadáns e iso nós non llelo imos consentir. Poden seguir pedindo a miña dimisión todas as veces que queiran, pódense cansar de pedir a miña dimisión porque esa decisión só me compete a min ou ao meu grupo e por este motivo non vou dimitir”.

Incendios

O alcalde recoñeceu unha vez máis que “no incendio do outro día houbo un problema de carácter técnico, eu recoñecín públicamente por varios medios que houbera un problema e non me produce ningún empacho volver a decilo nin me caen os anillos, pero non podo permitir que se pida a miña dimisión cando resulta que en setembro de 2010 se rexistraba un incendio nun piso de Burela e no informe sobre a intervención do Grumir queda claro que a Garda Civil non lle deixou entrar ao Grumir porque non tiñan material para realizar o seu traballo. E quero recordar que nese momento o alcalde do Concello de Burela era Alfredo Llano e desde a oposición, sendo eu portavoz do grupo popular, non se lle pediu a dimisión por este tema”. González Barcia lembrou outro incidente da época do bipartivo, “e xa non falemos de cando foi o incendio nas instalacións de Absa, onde pola neglixencia do alcalde, que foi incapaz de exercer a súa responsabilidade que é a de ser a autoridade máxima en materia de protección civil nun concello, se adicou a mirar que é o que pasaba alí sen coordinar absolutamente nada”.

Experiencia do persoal do Grumir

O rexedor burelés aludiu tamén á legalidade e á experiencia que teñen as persoas contratadas para o Grumir, asuntos aos que se referiu o PSOE nas súas críticas. José María González Barcia sinalou que “das doce persoas contratadas no ano 2010 seis tiñan feitos cursos vinculados con protección civil e das doce persoas contratadas no 2012 oito teñen cursos vinculados con protección civil. Entón que digan qué é o que estamos a facer mal. No proceso de selección de persoal do 2010 quedou fora xente con máis experiencia que a que entrou a traballar, tanto é así que houbo que aplazar o proceso de selección de persoal porque nove persoas presentaron un escrito dirixido ao alcalde manifestando irregularidades. Cando este señor e o PSOE teñen este historial cómo teñen a cara e a indecencia de vir pedindo a miña dimisión, que me pidan responsabilidades sí, e eu asumo a miña responsabilidade como alcalde, pero estes señores confunden o touciño coa velocidade”.

Para o alcalde de Burela “Alfredo Llano ten absolutamente perdido o norte, agora está pensando en asentarse na Deputación e eu o que lle recomendo é que a partires deste momento, como vai cobrar un bó soldo, aprenda a conxugar o verbo traballar en primeira persoa do singular do presente de indicativo: eu traballo. Non sei si sabe conxugar este verbo, pero de momento non o demostrou. Si non sabe onde está, parece que se desmemoriu despois de pasar catro anos no Concello, eu hoxe saquei datos, nós podemos equivocarnos, pero de ahí a pedir a dimisión non, porque entón todos falamos de todo, e si todos falamos de todo saen os datos de anos anteriores”.

González Barcia recalcou que “todo o material que ten agora mesmo protección civil é o que deixamos nós en maio do 2007, incluido o camión. O vehículo comprámolo nosoutros e entregóuse sendo Alfredo Llano, alcalde de Burela. Ese señor tivo unha petición de material por importe de 35.000 euros no ano 2009 e non comprou nada, e agora a nós nos di que o material é así e andando. Si o PSOE segue a facer oposición deste xeito vai mal porque nós o que temos é que sabemos asumir as nosas responsabilidades e recoñecer cando nos equivocamos”.

E concluiu dicindo que “nós, o concelleiro de Protección Civil e eu, como alcalde, fomos ao día seguinte a ese local no que se produciu un incendio. Por alí non pasou ninguén do PSOE nin do BNG a preguntarlle cómo fora o conto, todo o que falan é de oídas. A política ten que ter moita dosis de decencia e de humildade e ningunha dosis de demagoxia que é o que están a facer aquí en Burela o PSOE e o grupo mixto”.

Exit mobile version