Site icon Crónica3.com A Mariña

O IGC reúnese coas plataformas das Preferentes para aclarar dúbidas sobre a arbitraxe

A Xunta continúa a reforzar o sistema arbitral con 8 árbitros máis chegando así a 23 para acadar maior axilidade no proceso

O IGC REÚNESE COAS PLATAFORMAS DE AFECTADOS POLAS PREFERENTES PARA ACLARAR DÚBIDAS SOBRE A ARBITRAXE E APORTAR OS ÚLTIMOS DATOS DESTA VÍA ARTELLADA POLA XUNTA PARA A RECUPERACIÓN DOS SEUS AFORROS

A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, e a xerente do organismo, María Jesús Muñoz, explicaron en que consiste a arbitraxe e lembraron que só coa solicitude desta fórmula non se pecha a vía xudicial
A arbitraxe permitiu que se desenvolveran ata a data preto de 600 vistas e case 360 familias recobraran os seus cartos

Santiago, 4 de setembro de 2012.- O Instituto Galego de Consumo, representado pola súa presidenta, Nava Castro, e a xerente do organismo, María Jesús Muñoz, mantivo esta mañá un encontro en Santiago coas plataformas de afectados polas preferentes, ás que explicaron de maneira detallada en que consiste a arbitraxe e como poden acceder a esta fórmula.

A arbitraxe, que ata a data foi solicitada por máis de 14.000 afectados, é a vía artellada pola Xunta de Galicia para que os afectados polas preferentes de NCG que foron vítimas da mala praxis na súa comercialización, poidan recuperar os seus aforros de forma gratuíta e áxil.

“Con este encontro – manifestou Nava Castro- tentamos dar resposta a todas as preguntas e dúbidas que xorden nas distintas plataformas, coas que xa estamos colaborando e contestando ás consultas que nos remiten”. “Ademais –aclarou- é importante salientar que todo o mundo pode solicitar a arbitraxe, que continúa aberta, e que a súa solicitude non pecha a porta a vía xudicial”. De feito, a presidenta do IGC explicoulles que a vía xudicial queda excluída no momento de aceptación do convenio arbitral (a firma, por parte do reclamante, da carta coa proposta feita pola entidade bancaria), de igual maneira que o que opte pola vía xudicial pecha a opción de acudir á arbitraxe.

No encontro informouse dos avances que se están a obter coa fórmula da arbitraxe que ten servido para que case 360 familias galegas, a día de hoxe, recuperaran os seus aforros tras someterse ao laudo, e xa se levan celebradas preto de 600 vistas desde o inicio do proceso. Ademais, transmitiulles que se está a reforzar o servizo do Instituto Galego de Consumo que pasou nestes días de 15 árbitros a 23 co obxectivo de axilizar ao máximo á celebración das vistas.

Aproveitaron tamén a reunión para recordar os puntos nos que os afectados poden solicitar información sobre a arbitraxe: nas oficinas das sete cidades do Instituto Galego de Consumo, nas oficinas da OMIC dos propios concellos e nas asociacións de consumidores.

Exit mobile version