Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno do concello de Cervo debaterá sobre o apoio á viabilidade de Alcoa

O Concello reitera o seu apoio á viabilidade de Alcoa a través dunha proposta que se debaterá mañá en pleno

-Na sesión tamén se aprobará un protocolo de colaboración e coordinación entre a Garda Civil de Burela e a Policía Local de Cervo para a protección das vítimas da violencia de xénero

Cervo, 24 de setembro de 2012-O pleno da corporación que terá lugar mañá martes debaterá unha proposta de alcaldía que ratifica o compromiso do Concello de Cervo coa permanencia e estabilidade da planta de Alcoa na Mariña, e solicita á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado que sigan traballando para acadar unha tarifa eléctrica competitiva que garanta o mantemento de todos os postos de traballo na factoría.

Con esta proposta, o Concello atende a demanda realizada polo comité de empresa ás administracións para que manifesten o seu apoio á continuidade da fábrica na comarca e cunha carga de traballo que permita asegurar a actividade e os empregos actuais. A administración local secundara tamén a apagada eléctrica do pasado xoves convocada polo comité de traballadores co mesmo obxectivo de atopar unha solución ao conflito eléctrico.

“O Concello está cos traballadores de Alcoa e coa empresa dende o principio, por entender que a factoría ten que continuar en Cervo e na Mariña, onde é o sustento de milleiros de familias” asegura o alcalde, Alfonso Villares, que engade que “para nós, o primeiro é o benestar da veciñanza, e neste caso, ese benestar pasa polo mantemento dos postos de traballo e pola viabilidade dunha fábrica sen a que non se entende nin o pasado, nin o presente, nin o futuro da comarca”.

Protección das vítimas da violencia de xénero

Na orde do día do pleno tamén se inclúe a aprobación dun protocolo de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local para mellorar a atención e a protección das vítimas da violencia de xénero no municipio.

Este protocolo establece as acción específicas de colaboración que levarán a cabo os corpos implicados, neste caso a Garda Civil de Burela e a Policía Local de Cervo. Trátase de proporcionar ás vítimas unha resposta policial coa maior rapidez, eficacia, sensibilidade, calidade, e eficiencia na atención e protección evitando as actuación que supoñen un incremento da vitimización, como a duplicidade das intervencións.

Ademais, ambos corpos deberán coordinarse para proporcionar á vítima información clara e accesible e, ao mesmo tempo, facilitarán a transmisión interna de datos para a protección da muller. Outra das liñas é a coordinación e colaboración policial cos recursos públicos e non gubernamentais dedicados ao apoio xurídico e psicosocial da vítima.

Exit mobile version