Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP como oposición critica á Deputación de partidista

A priorización dos concellos da súa mesma cor política, a distribución sectaria e electoralista de fondos públicos e a escasa resposta ás demandas dos alcaldes definen ao goberno provincial

A falta de rigor da Deputación lucense maniféstase nunha xestión de claro carácter partidista e caracterizada pola aleatoriedade e a falta de planificación na toma de decisións

 O estudo de datos obxectivos, amosa a actitude sectaria da Deputación lucense e polo tanto a falta de “rigor” que o voceiro do BNG, Mario Outeiro, lle demanda aos populares e que el non profesa ante a responsabilidade de xestionar fondos públicos

 O responsable de turismo da Deputación, Mario Outeiro, xestiona a súa área de forma aleatoria ás circunstancias, o que se exemplifica na oferta das rutas turística en catamaráns polo Miño e o Sil e que supedita a promoción da Ribeira Sacra á opinión dos usuarios suprimindo rutas beneficiosas para os concellos

Lugo, 12-09-2012 – A falta de rigor da Deputación lucense maniféstase nunha xestión de claro carácter partidista e caracterizada pola aleatoriedade e a falta de planificación na toma de decisións. O estudo de datos obxectivos amosan esta actitude sectaria de Deputación lucense e polo tanto esta rigurosidade que o voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Mario Outeiro, lle demanda aos populares, debería ser aplicada na súa planificación dos fondos públicos. Así o puxo de manifesto a portavoz provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, quen segue a demandar unha maior responsabilidade e optimación dos fondos públicos, sen detrimento de áreas como lle achaca o goberno provincial aos populares, pero si atendendo e priorizando as demandas dos lucenses e rexedores locais.

O populares criticáronlle en numerosas ocasións ao goberno provincial a priorización dos concellos da súa mesma cor política, a distribución sectaria e electoralista de fondos públicos, a escasa resposta ás demandas dos alcaldes e a deixadez no exercicio das súas competencias. Esta actitude define ao goberno provincial e reflíctese do estudo dos datos aos que ten acceso o Grupo Provincial do Partido Popular.

Elena Candia asegura que o responsable de Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, xestiona a súa área de forma aleatoria ás circunstancias, o que se exemplifica na oferta das rutas turísticas en catamaráns polo Miño e o Sil, chegando a supeditar a promoción da Ribeira Sacra á opinión dos usuarios e polo tanto, suprimindo rutas beneficiosas para os concellos.

A Deputación Provincial de Lugo durante este ano 2012 suprime unha ruta e reduce paradas en áreas recreativas e paraxes, nas que se materializou unha importante inversión para a súa posta en valor. Ademais desta redución, o servizo que ofrece a Deputación provincial de Lugo aos usuarios dificulta que os interesados adquiran billetes e máis tendo en conta que nos momentos de maior demanda, como son fins de semana ou venres pola tarde, os interesados non poden facer reservas.

O Partido Popular interesado por esta xestión preguntou en pleno pola supresión da ruta e pola redución de paradas, obtendo respostas que manifestaban a falta de información e planificación na xestión deste servizo, ata o feito de que Mario Outeiro asegurou que a oferta dependía das circunstancias momentáneas e das decisións espontáneas dos visitantes. En concreto, Mario Outeiro respondeu que non tiñan previsto nin tan sequera o estudo da proposta de restablecemento da ruta. Esta aleatoriedade, falta de información e deixadez nas súas competencias si que, segundo explica Candia, lle permiten ao Grupo Popular cualificar a xestión de Mario Outeiro de carente de rigor, ata o punto que depositan a xestión dun ente provincial nas decisións dos visitantes durante a propia viaxe.

Candia explica que esta situación demostra a pouca implicación da Deputación na planificación deste programa de rutas fluviais. Os populares explican que o programa deseñado polo Goberno provincial nin procura a optimación de beneficios turísticas na Ribeira Sacra, nin explota positivamente o atractivo turístico da comarca. Segundo explica a portavoz provincial, a falta de organización e o descontrol na xestión das rutas por parte da Deputación repercute negativamente na promoción turística dos concellos da zona e máis tendo en conta que incluso algúns destes municipios manteñen aberta a súa oficina de turismo todos os días da semana e con gran demanda grazas a estas rutas fluviais.

Exit mobile version