Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela explica nunha moción que apoia a continuidade de Alcoa na comarca

O EQUIPO DE GOBERNO DO PP REITERA O SEU APOIO Á CONTINUIDADE DE ALCOA NA COMARCA DA MARIÑA. OS POPULARES LEVAN AO PLENO DE MAÑÁ UNHA MOCIÓN NESTE SENTIDO.

Burela, 26 de setembro de 2012. O equipo de goberno do PP reitera o seu apoio á continuidade de Alcoa na comarca da Mariña. Mañá xoves, 27 de setembro, no pleno do Concello debatiráse unha moción presentada polos populares sobre os custos derivados da tarifa eléctrica e o apoio á competitividade da empresa Alcoa en Galicia.

A proposta recolle que o Pleno da Corporación Municipal asuma como propia a moción aprobada por unanimidade no Pleno do Parlamento de Galicia que tivo lugar o 10 de abril de 2012 e, en consecuencia acorde:

-Trasladarlle ao Goberno de España a recomendación de impulsar un acordo urxente de prezos entre as empresas produtoras de electricidade e os grandes consumidores, que implique unha minoración dos actualmente vixentes ata o 31 de decembro, e un horizonte superior a cinco anos, que faga posible o desenvolvemento dos plans estratéxicos das industrias afectadas.

-Solicitar unha revisión das tarifas de acceso para os grandes consumidores de enerxía que inclúan só e exclusivamente os custos asociados ás redes e aos de operación do sistema.

-Instar que se manteña o servizo de xestión de interrumpibilidade da demanda.

-Dirixirse á Xunta para que poña en valor o carácter estratéxico das plantas de Alcoa en Galicia (San Ciprián e A Coruña), pola súa produción de alumina e aluminio, polo súa achega ao valor engadido e polo volume de emprego xerado.

O alcalde, José María González Barcia, subliñou o total apoio do equipo de goberno burelés “tanto para os traballadores da planta de San Ciprián como para Alcoa, debido á importancia que ten esta firma para toda a comarca da Mariña”.

Exit mobile version