Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo defende o mantemento de FEVE como medio de transporte necesario, ecolóxico, lúdico e asequible

A MARIÑA E O SEU FERROCARRIL

O grupo municipal do PP defende o mantemento de FEVE como medio de transporte necesario, ecolóxico, lúdico e asequible para todos os habitantes da Mariña

A liña de FEVE que une Ferrol con Gijón comezou a súa andaina en 1886, e pasaría por moitas vicisitudes ata completar o actual percorrido en 1972. Foi necesario construír 110 túneis, 27 viaductos e 47 estacións nunha lonxitude de 320 kilómetros. O custo total foi de 4.250 millóns das antigas pesetas. Este servizo, que na súa orixe pretendía solventar necesidades militares, permanece hoxe en día como o medio de transporte que une dúas comunidades, a nosa comarca na súa vertente marítima e, de forma máis cercana a nos, vilas e as aldeas que vertebran a mariña luguesa e que permiten desprazarmos de forma fácil e asequible para resolver cuestións burocráticas, sanitarias, administrativas e lúdicas cuxas sedes están en diferentes localidades da nosa comarca.

A alternativa á carretera supón achegarse de forma única a servizos necesarios para os mariñáns e tamén para poñer en valor unha vía de comunicación que mantén intacto o seu obxectivo á vez que actualiza con criterios modernos o uso e a conservación dun medio natural que é a nosa obriga manter e mellorar.

Hoxe en día a utilización deste medio de transporte está en desuso e as cifras que manexa a empresa supoñen un 22% de media de ocupación de prazas sentadas (nalgún tramo as cifras están entre o 10% e o 15%). Con estes números está claro que as necesidades de racionalización que esixe a empresa pasan por un recorte dos servizos; pero esta alternativa leva parada desde que responsables da empresa mantiveron unha reunión cos colectivos de traballadores e frenaron tecnicamente esta reducción co compromiso (por parte do Secretario de Estado de Infraestructuras logo de ser informado polo Conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández) de manter intacto o servizo ata finais de ano. Está claro que esto non soluciona o problema, pero establece a pauta e os pasos a dar nos vindeiros meses para que os traballadores poidan presentar unha alternativa a este Plan de Transporte presentado pola empresa, e que non debe ser o punto e final deste problema.

Está claro tamén que o futuro a medio prazo de FEVE pasa por cambios de base, de xestión e de control que obedecen a cánones económicos, administrativos e empresariais. Tamén é certo nesta orde de cousas que os avisos catastrofistas e apocalípticos son moeda común antes duns comicios, e os partidos que non están no poder aproveitan a crítica situación económica para responsabilizar dos males humanos e/ou diabólicos ós contrarios ós seus intereses.

Desde esta reflexión, o Grupo Municipal do Partido Popular defende a permanencia deste servizo e colaborará activamente na defensa da calidade das infraestruturas e dos recursos comunicativos da nosa comarca. Chegado o 2013, cando se reúnan de novo a empresa, os traballadores, a Secretaría de Estado de Infraestructuras e todos aqueles que teñan encomendada a revisión destes servizos, e poñan todas as argumentacións posibles para solventar de forma positiva o servizo de FEVE entre Ferrol e Gijón, contarán co noso apoio e a nosa colaboración na defensa destes intereses sociais.

No pleno do concello de Ribadeo a proposta do alcalde ribadense plantexada como posibilidade futurible e, por desgracia posible dado o sino dos tempos, non deixa de ser máis ca un grito electoralista co estribillo lacónico que veñen repetindo desde o comezo desta crise que nos afecta a todos e a todas e da que non somos responsables nin política nin socialmente. O alcalde de Ribadeo publica orgulloso de sí que é o primeiro en protestar por esta posible eliminación de servizos; pois ben, nos cremos que tanto para protestar por algo que aínda non se executou como para esixir que se sobredote e mellore nestes momentos un servizo que está en proceso de revisión debemos antes analizar, falar, agardar a que haxa unha proposta de actuación sobre a que poder opinar. Coma en moitas outras facetas da política social e local o alcalde pon o grito no ceo co seu inocente e sinceiro dedo acusador e maledice con posibles desastres e, por desgracia, algunha vez acertará. Nos non secundamos ese grito; agardaremos a que os protagonistas activos neste proceso constrúan e escollan as posibilidades e defenderemos os recursos e as infraestruturas actuais da nosa comarca dentro da realidade do día a día e do discurrir dos acontecementos. É fácil nestes tempos ser pitoniso do malo e do peor; resulta máis difícil loitar desde a análise e o coñecemento certo das distintas caras e cruces do problema.

Nesa perspectiva analítica e nese labor consciente, realista e racional nos atoparán propios e alleos, por encima de gritos e pataletas de intereses partidistas e particulares.

Exit mobile version