Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP demanda maior implicación da Deputación coas confrarías lucenses

O Grupo Popular no próximo pleno daralle traslado ao goberno provincial das peticións destas corporacións que só reciben 18.000 euros dos máis de 9,5 millóns do Plan Estratéxico de Subvencións

O Grupo provincial popular reitera a demanda dunha maior implicación da Deputación coas confrarías lucenses dentro do Plan Estratéxico de Subvencións

A cantidade de 18.000 que a Deputación destina as confrarías só representa un 0,19% do total do Plan Estratéxico de Subvencións, o que non supón unha garantía de apoio ás máis de 1.400 persoas vinculadas ao sector

Tendo en conta as contías das axudas que as outras deputacións outorgan ao fomento pesqueiro e que dobran á lucense, e tras ser coñecedores da firma do convenio de só 3.000 euros con cada confraría; o Grupo Popular reitera as súas criticas respecto a estas baixas aportacións do organismo lucense á pesca e ao marisqueo, un sector que xerou máis de 120 millóns de euros en 2012

Lugo, 17-09-2012 – Tras ser coñecedores da firma do convenio entre a Deputación provincial de Lugo e as confrarías lucenses que pese as demandas do sector non incrementa a súa contía; o Grupo Provincial do Partido Popular reitera unha vez máis maior implicación da Deputación provincial coas confrarías de pescadores e mariscadoras da provincia. O PP levará ao próximo pleno unha iniciativa plenaria a través da que insta á Deputación provincial de Lugo a que incremente o apoio económico ás confrarías de pescadores de Lugo, que só reciben 18.000 euros dos máis de 9,5 millóns recollidos no Plan Estratéxico de Subvencións.

A portavoz provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera totalmente rexeitable que a Deputación de Lugo só destine ás confrarías de pescadores da provincia un 0,19 % do orzamentado para o 2012 no Plan Estratéxico de Subvencións. O grupo do Partido Popular de Lugo lamenta que a Deputación lle dea a espalda a un sector que está demandando unha maior implicación do organismo provincial, tal e como lle trasladaron ao Partido Popular durante a xuntanza na que consensuaron a iniciativa plenaria cos patróns maiores de Lugo. Así, o grupo popular propóralle ao goberno lucense a articulación dunha convocatoria anual de subvencións enmarcada dentro dun programa de fomento pesqueiro e destinada ás confrarías.

A cantidade total de 18.000 euros divídese en subvencións nominativas individuais de 3.000 euros outorgadas á Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros, así como a cinco das seis confrarías lucenses (Confraría de Pescadores do Vicedo, Confraría de Pescadores Santiago Apostol de Celeiro, Confraría de Pescadores Santa María do Campo de Ribadeo, Confraría de Pescadores de Burela e a Confraría de Pescadores de San Ciprián), quedando sen axuda a Confraría de Foz. Segundo explica a portavoz popular, esta consignación non é garantía para que as institucións fundamentais de vertebración do sector pesqueiro cumpran cos seus obxectivos. Candia explica así mesmo que dos máis de 4,3 millóns do orzamentado para as subvencións nominativas, as confrarías só reciben o 0,41%.

Os populares pretenden que con esta moción o goberno provincial cambie o seu modo de traballo e non desatenda a pesca e ao marisqueo, que xera máis 120 millóns de euros en 2012, cun ascenso dun 34% na facturación dende 2009. Deste xeito, a Mariña representa o 25% en volume económico e o 30% en descargas de Galicia.

Os populares critican a pouca colaboración do organismo provincial coas máis de 1.400 persoas vinculadas directamente á pesca e ao marisqueo lucense, o que, segundo explica Candia, posto en relación co emprego inducido en terra, dá imaxe da importancia sociolaboral que este eido produtivo ten na provincia.

Esta demanda dos populares apoiase tamén na comparativa entre as aportacións que as Deputacións de Pontevedra e A Coruña dirixen ao fomento pesqueiro, duplicando as contías en relacións coas consignadas polo organismo lucense.

Exit mobile version