Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP explica que obxectivo da Lei de Montes é frea-la deixadez das explotacións e xerar emprego, mantendo a poboación no rural

PRECAMPAÑA: O PP explicou en Viveiro a nova Lei de Montes, unha xuntanza dentro dos actos que están a organizar nesta precampaña os populares lucenses

Emma Álvarez: “Frea-la deixadez das explotacións e xerar emprego, mantendo a poboación no rural galego, é o obxectivo da Nova Lei de Montes”

 A recén nomeada alcaldesa de Lourenzá e ata o de agora Voceira de Montes no GPP, afirmou que a Comunidade Galega conta cun marco normativo propio para desempeñar o sector forestal en Galicia

Viveiro, 21 de setembro de 2012.- A recén nomeada alcaldesa de Lourenzá e quen foi Voceira de Montes do Grupo Parlamentario Popular na lexislatura que acaba, informou esta tarde- noite en Viveiro, da nova Lei de Montes.

Acompañada do Coordinador das eleccións Autonómicas en Lugo e número 3 da lista, José Manuel Balseiro, do número 9 da lista por Lugo, Vidal Martínez-Sierra e de demáis Voceiros, Alcaldes e Deputados da comarca da Mariña, Emma Álvarez afirmou que o principal obxectivo da normativa é frear o abandono do monte e mellorar o desenvolvemento socioeconómico e medioambiental sostible de Galicia, xerando rendas e emprego no rural, contribuíndo así á fixación da poboación.

“Por primeira vez, Galicia conta cun marco normativo propio e estable para desenvolver o sector forestal galego, facendo compatible con outras actividades que se desenvolven no monte, baixo o equilibrio dos tres aspectos que marcan a importancia do noso monte: o económico, o social e o ambiental”-indicou Álvarez Chao.

Afirmou a actual alcaldesa de Lourenzá, que o “amplo consenso” co que chegou esta Lei ao Parlamento, logo da celebración de máis de 30 xuntanzas coas 20 asociacións representadas no Consello Forestal de Galicia que, xunto coas achegas recollidas no período de exposición pública, “supuxo que máis do 75 por cento dos artigos do proxecto experimentasen algún tipo de modificación”.

Emma Álvarez Chao explicou que esta normativa recolle os aspectos claves para combater a excesiva fragmentación da propiedade, que é o principal impedimento para a rendibilidade económica e sostible do monte.

De feito, quen foi ponente da Lei de Montes no Grupo Parlamentario Popular indicou que “por primeira vez nun proxecto de Lei de Montes de Galicia se aborda dunha forma tan fonda e concreta medidas dirixidas a afrontar os grandes problemas da estrutura da propiedade galega, limitando as novas parcelacións e segregacións, e fomentando e incluso obrigando á agrupación da xestión dos propietarios forestais en ditas masas arboradas”.

Conclúeu Álvarez Chao que esta lei “non se pensa unicamente para que sexa máis doado extinguir os incendios forestais, senón que pretende a ordenación do territorio e dos usos de xeito sostible e ordenado a fin de evitar conflitos no monte e acadar explotacións rendibles no plano económico, social e medioambiental minorando así os lumes”.

Exit mobile version