-A dos socialistas é a primeira candidatura que se fai oficial en
Lugo dos partidos con representación parlamentaria
-Os candidatos combinan renovación, veteranía, representación
de todo o territorio e bagaxe profesional, cumpríndose así o
compromiso de Besteiro ao ser nomeado Secretario Xeral dos
socialistas lugueses
– Con Concepción Burgo como número 1, é a única lista
provincial en Galicia encabezada por unha muller
O PSdeG-PSOE de Lugo rexistrou esta mañá a lista para as eleccións
autonómicas na Xunta Electoral Provincial. Deste xeito, a candidatura,
que contou co apoio unánime da Executiva socialista e foi ratificada
o martes polo Comité Federal do partido, convértese na primeira en
facerse oficial na provincia por parte dos partidos con representación
parlamentaria. Carlos González Santín, número dous do listado
socialista, entregou a documentación acompañado por Alfonso Orol
e José Fernando Piñeiro, secretarios provinciais de acción electoral e
administración do partido.
Os candidatos socialistas forman un equipo que combina renovación,
xuventude e veteranía, representación de todo o territorio lugués e
bagaxe profesional, e que aposta pola proximidade coa cidadanía.
Destaca así mesmo a forte presencia de mulleres, sendo ademais, con
Concepción Burgo como número 1, a única lista provincial en Galicia
encabezada por unha muller.
Deste xeito, cúmprese o compromiso do Secretario Xeral dos socialistas
lugueses, José Ramón Gómez Besteiro, de renovar, “mover banquillo”,
co fin de acender o motor do cambio na Xunta de Galicia, como ocorreu
hai cinco anos na Deputación de Lugo, e abrirlle as portas do futuro á
provincia, “a máis castigada por Feijóo”.
A lista consolida a apertura dunha nova etapa no Partido Socialista de
Lugo, iniciada coa renovación da propia Executiva provincial.
O propio Gómez Besteiro referíase onte á tardanza da oposición por
facer pública a candidatura na provincia de Lugo. “Algo pasa aí e ao
mellor non teñen o traballo feito”, comentaba o secretario xeral socialista
con respecto ao PP, “a pesar da prepotencia que amosaron ao dicir que
as facían nunha tarde”.
Reunión de traballo con Antonio Hernando
Por outra banda, esta mañá o secretario de Relaciones Institucionales y
Política Autonómica do PSOE, Antonio Hernando, mantivo unha reunión
co Comité de Campaña do PSdeG de Lugo na que se acordaron os
obxectivos e a coordinación da campaña. Hernando visitou Lugo despois
de facer o propio cos membros do partido en Ourense.