Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE denuncia que estudar en Lugo “nunca foi tan caro, nin de peor calidade, polos recortes do PP

O PSOE denuncia que estudar en Lugo “nunca foi tan caro, nin de peor calidade, polos recortes de Rajoy e Feijóo”

– Feijóo “castiga especialmente o rural de Lugo, onde o 50% dos centros
mesturarán alumnos de diferentes idades e todos os colexios teñen menos
presuposto para mantemento que no ano 2009”
– “Rajoy di que as familias viven por riba das súas posibilidades, e iso é
mentira. Son os propios pais e nais e a comunidade educativa os que están
a manter o sistema de educación e os que arranxan os problemas causados
por Rajoy e Feijóo, ás veces con solucións imaxinativas”, destaca Burgo
-Concepción Burgo e Carlos Ferreiro subliñan que gastar 240.000 euros
nunha gardería que mantén pechada, cando na provincia quedan 700
nenos sen praza, é o mellor exemplo dos despropósitos da Xunta
– O Goberno galego “recortou en todo: profesores, libros de texto,
transporte, becas, obrigou a reagrupar a escolares como na época de
Franco, tendo que compartir a mesma aula nenos entre 6 e 13 anos…”

A cabeza de lista do PSOE pola provincia luguesa, Concepción Burgo, e o Secretario
de Educación do partido en Lugo, José Carlos Ferreiro, denunciaron este mércores
que “estudar nesta provincia nunca foi tan caro, nin de peor calidade, no curso con
máis problemas educativos de hai moitas décadas polos recortes de Rajoy e Feijóo”,
e subliñaron a “dobre discriminación e o ataque sistemático ao rural lucense, que
non pode ser admitido baixo ningunha condición”. Así, ao “ataque constante ao
profesorado en canto a condicións e prestixio público” súmanse as medidas de Rajoy
e Feijóo como “a suba do IVE”, e consecuencias a mestura de nenos de entre 6 e
13 anos nunha mesma aula, a non cobertura de baixas e, en definitiva, o fomento
da “calidade do privado en contra da ensinanza pública”.

O Goberno de Feijóo, advertiron os socialistas, “recortou en tódolos ámbitos
educativos, en todos: Eliminou profesores; asfixiou Preescolar na Casa deixando
na rúa a 32 mestres e sen este modélico servizo a 400 familias luguesas; suprimiu
axudas ós libros de texto -o que obriga ós pais a facer fronte a facturas de entre
250 e 380 euros- e ó transporte escolar; obrigou a reagrupar a escolares como
na época de Franco, tendo que compartir a mesma aula nenos de ata 6 cursos
diferentes; menos becas; menos investigación…”. Ademais, Concepción Burgo incidiu
en que “son a propia comunidade educativa e os pais e nais os que co seu esforzo
e solucións imaxinativas están a sacar adiante o sistema de educación pública”.
Engadiu que “Rajoy di que as familias viven por riba das súas posibilidades, e é
mentira; eles son os que están a arranxar os problemas que crean Rajoy e Feijóo”

Un dos mellores exemplos do “descontrol e disparates” de Feijóo na provincia,
remarcaron Burgo e Ferreiro, é que, “mentres 700 nenos da nosa provincia se
quedaron sen praza de guardería –a oferta só chega a 1 de cada 5 nenos-, a Xunta
gastou nada menos que 240.000 euros, case 50 millóns das antigas pesetas, á
construción dun centro en Alfoz, que mantén pechada por falta de pequenos”.

Os socialistas censuraron así mesmo que os beneficiarios do cheque infantil teñan que
adiantar do seu peto os cartos que teñen recoñecidos e que, “por riba de cambiar
o sistema, pagándolle directamente ós pais en vez de ás guarderías como ata o de
agora, as familias leven 8 meses esperando recibir os cartos”. Ademais, lembraron
que o PSOE aposta por recuperar “a gratuidade ao 90%” nos libros de texto, unha
medida eliminada por Feijóo.

O peor, no rural
A candidata socialista pola provincia e o secretario de Educación reprocharon a
Feijóo que “castigue especialmente ó rural, sendo Lugo unha das provincias máis
afectadas, o que acentúa o desequilibrio territorial e incrementa a gravísima perda
de poboación que xa sufre”. Neste seno, aseguraron que o 50% dos centros da
provincia mesturarán alumnos de diferentes idades e que todos os colexios teñen
hoxe menos presuposto para o seu mantemento que no ano 2009”.

Lembraron neste senso que a “irresponsabilidade e despropósitos” da Xunta está a
recibir unha forte contestación social. Na actual lexislatura, Lugo sufriu a redución de
máis de 200 mestres e profesores e, pese a absoluta opacidade nos datos oficiais por
parte da Xunta, as estimacións de sindicatos falan doutro recorte de ata 200 máis.

Exit mobile version