Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE proponlle ao alcalde de Cervo que os funcionarios do concello reciban en xaneiro unha das pagas extras do 2013

OS SOCIALISTAS PROPOÑEN Ó ALCALDE DE CERVO QUE OS FUNCIONARIOS DO CONCELLO RECIBAN EN XANEIRO UNHA DAS PAGAS EXTRAS DO 2013

-Pretenden que “esta medida permita amortiguar o efecto negativo que vai crear a supresión da paga extra de Nadal ás familias e ó comercio local”

-No pleno celebrado onte, o GMS votou a favor do acordo de solicitar ó Goberno Central e á Xunta de Galicia as xestións oportunas para manter a viabilidade de Alcoa e os seus postos de traballo

CERVO, 26 DE SETEMBRO. O Grupo Municipal Socialista presentou onte unha proposta ó pleno do Concello de Cervo ofrecendo unha alternativa á supresión da paga extra de decembro que van sofrir os funcionarios públicos, “co único fin de amortiguar o efecto negativo que suporá esta medida ás familias e ó comercio local”.

Mentres que coa proposta do Goberno, os funcionarios verán suprimida a paga extra de decembro de 2012 en cumprimento coa normativa estatal, os socialistas propoñen a idea de que “no 2013, en lugar de cobrar as pagas extraordinarias en xuño e decembro, poderían cobralas a principios de xaneiro e no mes de xullo”.

Dende o GMS argumentan un dobre obxectivo desta medida, “por unha banda, conseguiríamos minimizar os efectos dos recortes ós traballadores públicos, respetando o marco legal establecido polo Goberno Central a través da Ley 20/2012 e permitindo o aforro para este ano; e por outra, reducir o impacto económico no persoal municipal que cobraría a paga extraordinaria a principios de xaneiro de 2013 en lugar de percibila en novembro de 2012, con cargo ó presuposto do vindeiro ano”.

Os socialistas cren que “non existe argumento económico e legal que impida que saia adiante esta proposta e esperamos que o alcalde a teña en conta, a pesares de que no pleno foi rexeitada de forma rotunda polo equipo de goberno”.

Apoio ós traballadores de Alcoa

Nesta última sesión do pleno de Cervo, os socialistas votaron a favor do acordo de solicitar ó Goberno Central e á Xunta de Galicia tódalas xestións necesarias para manter a viabilidade de Alcoa-San Ciprián e así garantir tódolos postos de traballo existentes na actualidade.

Exit mobile version