Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE unirase ao apagón dos traballadores de Alcoa nos concellos nos que goberna

O PSdeG unirase ao apagón dos traballadores de Alcoa e pedirá a deputación permanente para que Feijóo compareza de urxencia no Parlamento

–  Todos os municipios gobernados polo PSdeG en Lugo, igual que fará a Deputación, apagarán as luces do concello e o alumeado público de 21.30 a 21.45 horas deste xoves, como apoio aos traballadores da factoría

– Os socialistas destacan que chegar a un acordo en Alcoa “é un problema de todos”, piden a comparecencia urxente de Feijóo e esíxenlle responsabilidade: “Este non é o momento de fotos de última hora nin da política de xestos á que nos ten acostumados; é momento de solucións e compromiso”

José Ramón Val, candidato pola Mariña Luguesa, Concepción Burgo, número un da candidatura do PSdeG na provincia, e Ismael Rego, deputado autonómico e membro da candidatura socialista, visitaron esta tarde as instalacións de Alcoa en San Cibrao para amosar o seu apoio aos traballadores da factoría e esixirlle a Feijóo “que se pronuncie de urxencia” diante dunha situación “moi grave para a provincia”. Así, por unha banda, o PSdeG anunciou que todos os municipios con goberno socialista en Lugo secundarán o acto previsto polos traballadores de Alcoa para este xoves de 21.30 a 21.45 horas, e apagarán as luces do concello e o alumeado público. Por outra parte, o PSdeG pedirá a deputación permanente no Parlamento galego para que Feijóo dea explicacións sobre a negociación.

José Ramón Val lembrou que Alcoa supón “arredor do 35% do PIB” da provincia. “Esixímoslle a Feijóo que se de verdade cre que isto é importante, deixe de mirar para outro lado e que se pronuncie xa. Por aquí pasaron moitos cargos do PP comprometendo datas, pero as datas pasaron e o problema segue”, lamentou. “Zapatero e Touriño foron quen de chegar a un acordo para a bonificación da tarifa eléctrica de grandes consumidores, é tamén é totalmente posible facelo neste momento”, engadiu. Pola súa banda, Concepción Burgo lembrou que “o de Alcoa é un problema de todos, é un dos piares económicos máis importantes na provincia e hai que conseguilo entre todos”. Burgo esixiu que “Feijóo e Rajoy tomen unha decisión e non se lles ocurra xogar co traballo de miles de persoas”. A número un por Lugo anunciou que secundarán o apagón. “Esperamos que este apagón non sexa o anticipo do que pode ser o apagamento de toda esta provincia”, advertiu.

Na mesma liña, Ismael Rego pediu que Feijóo explique “que xestións ten feito, porque os resultados son cero”, e advertiu ao presidente da Xunta de que “este non é o momento de fotos de última hora para tentar facer política de xestos, ao que nos ten acostumados, senón de solucións e de comprometerse”. Lembrou que se hai un acordo ata o 30 de decembro é “porque Touriño e Zapatero foron capaces de comprometelo ata hoxe. Só faltaba que agora tamén sexa problema dos socialistas que estamos na oposición. Algún desaproveitou unha oportunidade de ouro para estar calado”, sentenciou.
2

Exit mobile version