O SAN CAMPIO
“As romarías, como as festas e os mercados- escribe Taboada Chivite, na súa Etnografía Galega,- son, amais de testemuño de piedade e degoro religioso, lugares de reunión e convivencia social”. Tres elementos básicos, pois, conviven no mundo da romaría: un sustrato relixioso que empuxa aos crentes a ir en peregrinación, mais ou menos devota á ermida ou santuario onde se celebra a festa; un impulso dionisiaco que leva a crentes e non crentes ao campo da festa popular para dar boa conta dos manxares levados ou que alí no campo poden mercarse, e un pretexto para reunirse en comunidade unhas horas alegres, sen outras complicacións, O San Campio de Fazouro responde a esta tipoloxía.
Dende tempos inmemoriais o lugar servíu de reclamo para as xentes dunha ampla comarca, e aínda hai quen lembra as peregrinacións chegadas desde Estaca de Bares ata Asturias en varias xornadas, feito que alá por 1926 fíxolle decir a Lence Santar, cronista oficial de Mondoñedo: “E vendo polo setembro / ir de troula á romaría / do San Campio de Fazouro / a toda a novez da Mariña”.
Os galegos sempre consideramos ao corpo e ás cousas deste mundo como algo gozoso, sensual, lúdico, quizais en perfecta consonancia co propio entorno natural, cuxa exhuberancia paisaxística é tan evidente neste curruncho á beira do río Ouro: “entre os carballos xa vexo / o niño dos meus amores: / veigas, flores…/ E o río con voltas mil / a campá con son doente /oio, e o barullo da xente / e a gaitiña e o tamboril”.
Suso Fernández