Site icon Crónica3.com A Mariña

Os afectados polos erros nas lecturas da luz presentan un informe no concello ante o desinterese do alcalde, asegura o PSOE de Cervo

OS AFECTADOS POLOS ERROS DAS LECTURAS DA LUZ PRESENTAN UN INFORME NO CONCELLO ANTE O DESINTERESE AMOSADO POR VILLARES

-Os socialistas piden consensuar “unha actuación conxunta e contundente ante Industria para frear dunha vez por todas as irregularidades na facturación eléctrica”

-Subliñan que “o señor alcalde xa ten todo feito, só ten que trasladar a reclamación e tratar de solucionar o problema de inmediato”

CERVO, 6 DE SETEMBRO. Os socialistas de Cervo aseguran que ante a falta de actitude e desinterese total por parte do alcalde, Alfonso Villares, “un grupo de afectados de San Ciprián presentaron un informe no Concello, con rexisto de entrada nº3655, no que exponen perfectamente a situación e reclaman a intervención do goberno local ante a Consellería de Industria”.

Os membros do GMS aseguran que “a través da empresa Energest, afincada en Cervo, os veciños expoñen un informe detallado coas irregularidades nas lecturas de luz, consellos das compañías en relación ó cambio de contadores, facturación, cortes, reenganches, reclamacións…”

Consideran urxente que o rexedor actúe de inmediato ante os problemas que están tendo os veciños coas facturas da luz e engadiron que “o señor alcalde dispón da información detallada que esperaba, tan detallada que os veciños xa lle dan todo feito. O único que ten que facer é trasladar a petición a Industria, polo que esperamos que se poña a traballar no asunto sen máis dilación”.

Dende o PSOE de Cervo esperan que a súa solicitude sexa tida en conta e que “se convoque dunha vez por todas a xunta de portavoces pola que agardamos máis dun mes, para tratar conxuntamente as medidas a tomar pola institución municipal e poder defender canto antes os intereses dos nosos veciños”.

Exit mobile version