O sendeirismo defínese como “a práctica deportiva e turística realizada seguindo rutas e sendeiros pedestres”. A experiencia é moi reconfortante ao engadir, aos valores naturais, os do deporte e a cultura. A actividade conta cun importante colectivo en Foz: Os Sendeiros, que desenvolve unha dinámica programación de saídas aos paraxes mais interesantes, lugares de gran beleza e de salientable riqueza histórica, arqueolóxica ou etnográfica. Cada ano edita a publicación que é memoria dos lugares visitados, que son leccións de xeografía, e de cantos á vida e á liberdade en paraxes virxes que conservan o engado da natureza en estado puro, na que a observación da fauna e a flora son unha regalía para os sentidos; a sonoridade dos regatos que, saltaríns, animan a paisaxe, e poñen contrapunto á algarabía de aves e paxaros que debuxan no ar os seus acrobáticos vós…Os Sendeiros viviron o pasado sábado a que é a sua mais carismática e sonada vivencia: a anual ruta das praias polo concello de Foz que, partindo da Pampillosa, en Fazouro, remata no peirao, pretiño da cheirenta depuradora que algúns, ¡qué horror!, queren ampliar para inequívoca constancia da babarie que en pleno S.XXI aínda padecemos por estes pagos.Mais de 600 persoas da bisbarra e do resto de Galicia e Asturias participaron na xornada leda, favorecida por un clima ideal que permtiu disfrutar dun día que, tras a comida de irmandade e a convivencia, tivo o epílogo con música enxebre e melódica a cargo de A Subela, e de Juan José, “o inesgotable reiseñor do Valadouro”, respectivamente; afastados da insufrible carreira decibélica, tan en boga, que impide gozar da que é quitaesencia de toda festa: a convivencia con fondo musical e a relación a través do encontro e o diálogo, nesas condicións pouco menos que imposible. Pola noitiña, cando a música enmudeceo e os visitantes iniciaban o retorno aos seus lares, Xosé Luis Suárez e os colaboradores mais achegados facían balance da xornada e amosaban a súa satisfacción: estaban pletóricos. Os nosos parabéns.
Suso Fernández