Site icon Crónica3.com A Mariña

Preocupación do PSOE polo recorte do 23% nos fondos do Estado para Galicia

O PSdeG de Lugo ratifica, tras coñecer os Presupostos do Estado, que “Galicia ten a palabra para frear unha política que leva o país costa abaixo”

-A candidata por Lugo, Concepción Burgo, amósase “realmente preocupada” polo recorte dun 23% máis nos fondos para Galicia e destaca que “os que queren aniquilar os servizos sociais estano conseguindo a pasos de xigante”

– Burgo incide nos “incomprensibles e inaceptables” recortes dun 6,3% na partida para o desemprego e un 34,6% nas políticas activas de emprego en toda España. “Feijóo conseguiu que Lugo teña un 35% máis de paro en tres anos, e agora Rajoy vén poñer a puntilla”, lamenta

-A socialista critica ademais a paralización de varios tramos da autovía Lugo-Santiago, “que agora xa din que se rematará en 2017 en vez de 2015” e o abandono da obra da autovía Lugo-Ourense. “Por se alguén tiña dúbidas de que Lugo non está entre as prioridades do PP, aquí está a mostra”, sinala

A candidata do PSdeG-PSOE por Lugo, Concepción Burgo, amósase “realmente preocupada xa tras só a primeira vista por riba dos Presupostos do Estado”. Nunha primeira valoración, Burgo destaca o “recorte dun 23% máis nos fondos para Galicia” e, sobre todo, céntrase en recortes “incomprensibles, inaceptables e inasumibles” como o 6,3% na partida para o desemprego e parados de longa duración, un 34,6% nas políticas activas de emprego, un 22,6% en Sanidade ou un 14,4% en Educación en toda España. “Os que queren aniquiliar os servizos sociais estano conseguindo a pasos de xigante”, lamenta. Con respecto ao paro, destaca que “Feijóo conseguiu que Lugo teña un 35% máis de desemprego en tres anos, e agora Rajoy vén poñer a puntilla”. Por iso, di, “Galicia ten a palabra o 21 de outubro para frear unha política que leva o país costa abaixo”.

Ademais do recorte nos servizos sociais, “que demostra cales son as prioridades do PP e que os que volven a pagar, coma sempre, son os que máis sufren e os que máis necesitan que os axuden”, Burgo fai unha primeira valoración a partidas de Fomento referidas a Lugo. “Paralizan varios tramos da autovía Lugo-Santiago, que tanto prometeron, e agora din que xa non é 2015, senón 2017”, ademais do “abandono” da obra da autovía Lugo-Ourense. “por se alguén tiña dúbidas de que Lugo non está entre as prioridades do PP, aquí está a mostra”, di a socialista, que lamenta “que despois de tanto prometer de novo volvan a enganar aos cidadáns”. Ademais, cre que os recortes non quedan aquí: “Estes presupostos chegan en época preelectoral, así que non quero nin imaxinar o que pode vir despois e canto tardarán en volver modificalos”.

Exit mobile version