Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle unha campaña de información e concienciación sobre a recollida selectiva e Burela sobre reciclaxe

Ribadeo acolle unha campaña de información e concienciación sobre a recollida selectiva e Burela sobre reciclaxe

RIBADEO ACOLLERÁ MAÑÁ UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN E CONCIENCIACIÓN SOBRE A RECOLLIDA SELECTIVA. SERÁ NUNHA CARPA QUE ESTARÁ INSTALADA NA PRAZA DE ESPAÑA.

Ribadeo, 21 de setembro de 2012. Ribadeo acollerá unha campaña de información e concienciación sobre a recollida selectiva. Está promovida por Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente e terá lugar mañá, 22 de setembro.

Na carpa instalada na praza de España duns 80 metros cadrados vanse desenvolver diversos talleres de educación ambiental, “gustaríanos que os ribadenses se achegasen para ter máis conciencia do dano que lle causamos ao medio ambiente e máis á economía local ao non facer unha boa selección dos residuos, dixo Horacio Cupeiro.

O concelleiro de Medio Ambiente anima “a todas as persoas que queiran aprender daquelas que nos poden ensinar que se acheguen mañá a esa carpa e alí lles explicarán cómo hai que facer as cousas”. O horario será de 12 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
————
O LUNS CHEGA A BURELA UNHA CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN CIDADÁ SOBRE A RECICLAXE.

Burela, 21 de setembro de 2012. A Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes traen a Burela unha campaña de concienciación cidadá en materia de reciclaxe. Será o próximo luns, 24 de setembro, nunha carpa que se situará na praza do Concello.

Ecoembes é a organización sen ánimo de lucro que xestiona a recuperación e reciclaxe dos envases de plástico, as latas e os briks (contedor amarelo) e os envases de cartón en papel (contedor azul) en toda España. O lema da campaña é Separemos ben, reciclaremos mellor e o obxectivo final da mesma, segundo explica a concelleira Patricia López Eijo, “é que os niveis de reciclado se vexan incrementados, posibilitando así a recuperación dunha boa parte dos residuos. Esta campaña faise no noso concello, entre outros, porque estamos dentro do rango de porcentaxe de impropios no contedor amarelo entre o 31 e o 40 por cento. Na última caracterización de envases lixeiros realizada por Ecoembres en Burela rexistrouse un porcentaxe de impropios no contedor amarelo dun 36,27%”.

Nesta carpa ao longo do día realizaranse distintas actividades, entre elas un obradoiro que comezará ás 12 da mañá e que durará aproximadamente hora e media. Pola tarde a partir das 16.30 volverán empezar coas actividades.
A carpa estará dotada con diverso material didáctico e divulgativo, e monitores especializados serán os encargados de informar, formar e sensibilizar aos cidadáns sobre a súa necesaria colaboración na xestión sostible dos desfeitos, adoptando para esto prácticas vinculadas ás tres erres (reducción, reutilización e reciclaxe).

A edil de Medio Ambiente sinala que “durante toda a xornada distribuirase diverso material divulgativo no que se inclúe información básica e de utilidade para que o cidadán poda aplicar na súa vida diaria, e con absolutas garantías, o principio comunitario das tres erres (Reducción, Reutilización e Reciclaxe), e que en todo caso darían comezo coa prevención, só posible a través dun consumo responsable, ata a axeitada clasificación dos materiais a introducir en cada contedor. Hai que lembrar que o amarelo está destinado a envases de plástico, latas e briks, o azul é para o papel e cartón, o iglú verde para as botellas, frascos e tarros de vidro e o contedor verde convencional para os restos que non se reciclan: pañais, compresas, servilletas, panos de papel, etc, fracción que Sogama logra transformar nas súas instalacións en enerxía eléctrica, poñendo en valor o aparentemente inservible e evitando así o seu vertido”.

López Eijo anima “a adultos e nenos a acudir a esta carpa e a disfrutar das actividades que se desenvolverán para concienciarnos todos un pouco máis da importancia que ten a reciclaxe para preservar o noso entorno natural”.

Exit mobile version