Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá unha campaña de información e concienciación sobre a recollida selectiva

RIBADEO ACOLLERÁ UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN E CONCIENCIACIÓN SOBRE A RECOLLIDA SELECTIVA. SERÁ O VINDEIRO 22 DE SETEMBRO NUNHA CARPA QUE SE INSTALARÁ NA PRAZA DE ESPAÑA.

Ribadeo, 12 de setembro de 2012. Ribadeo acollerá unha campaña de información e concienciación sobre a recollida selectiva. Está promovida por Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente e terá lugar o vindeiro 22 de setembro, segundo daba a coñecer esta mañá o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.

O edil nacionalista indicou que “o obxectivo é reducir o número de impropios nos contedores amarelos. A campaña está dirixida, preferentemente, a persoas adultas entre 18 e 65 anos, pero iso non quere dicir que non poida asistir quen o desexe, e tamén a estudantes de primaria de 10 a 12 anos”.

Cupeiro explicou que “esta campaña fáise no noso concello, entre outros, por estarmos por debaixo do 35% de impropios. Hai uns anos estabamos por enriba do 50%, polo que é de agradecer aos veciños que fixésemos o esforzo por mellorar neste sentido”. E lembrou que “subimos un pouco o ano pasado e agora estamos no 32%”.

O vindeiro 22 de setembro instalaráse unha carpa na praza de España duns 80 metros cadrados, onde se desenvolverán diversos talleres de educación ambiental, “gustaríanos que os ribadenses se achegasen para ter máis conciencia do dano que lle causamos ao medio ambiente e máis á economía local ao non facer unha boa selección dos residuos. O ano pasado a empresa que recolle o contedor amarelo tivo que pagar 5.000 euros de sanción por os impropios depositados, que andaban polo 40%. Si nós fixésemos unha boa recollida selectiva o Concello non tería que pagar tantos cartos”.

O concelleiro de Medio Ambiente anima “a todas as persoas que queiran aprender daquelas que nos poden ensinar que se acheguen o día 22 a esa carpa e alí lles explicarán cómo hai que facer as cousas”.

Exit mobile version