Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo recibiu durante os meses de verán a visita de 58.000 persoas

RIBADEO RECIBIU DURANTE XULLO E AGOSTO A VISITA DE 58.000 PERSOAS. SÓ Á PRAIA DE AS CATEDRAIS SE ACHEGARON O MES PASADO 25.000 TURISTAS. ANA MARTÍNEZ CONSIDERA QUE OS DATOS SON ESCANDALOSOS E MOI SATISFACTORIOS.

Ribadeo, 3 de setembro de 2012. Ribadeo recibiu durante o verán a visita de 58.000 persoas, 18.000 no mes de xullo e 40.000 en agosto. Só pola praia de As Catedrais pasaron o pasado mes 25.000 turistas. Ana Martínez, a concelleira de Turismo, considera que os datos son moi satisfactorios.

A edil nacionalista relatou que “foron un total de 58.000 persoas as rexistradas tanto na oficina de turismo de Ribadeo coma no punto de información de As Catedrais. Esta cifra supón un incremento respecto ao pasado ano de máis de 12.000 visitantes”. En xullo foron 18.000 persoas que se achegaron a Ribadeo e en agosto 40.000. A praia das Catedrais segue a ser o destino por excelencia en Ribadeo, así 25.000 persoas pediron información só no mes de agosto na oficina alí instalada.

Ana Martínez entende que “é importantísimo reivindicar de novo a necesidade de poñer en marcha un plan xestor deste recurso turístico por parte das autoridades competentes, Xunta de Galicia e goberno central, e non deixar de lado algo tan importante para a dinamización turístico-económica da Mariña e mesmo do resto de Galicia”. E engadiu que “a praia das Catedrais é xa un fenómeno turístico consolidado, cada día máis xente de achega para coñecer a praia e iso é indiscutible. Por iso cada vez se fai máis necesaria a súa reordenación e non deixar que se degrade e perda o seu valor”.

A concelleira de Turismo tamén falou do número de peregríns que pasaron por Ribadeo, “pasaron coma media 30 persoas ao día, que ían cara Compostela a través do Camiño Norte, algo tamén moi importante para dinamización turística do noso concello. O albergue do Xacobeo, situado ao pé do Cargadeiro, estivo prácticamente ao completo todos os días de agosto e que o que ten o Concello en Vilela acolleu a 500 persoas en total”.

Martínez indicou que “a ocupación hoteleira en Ribadeo en agosto achegóuse ao 100%, e o que nos din os hostaleiros é que as estancias dos turistas foron máis curtas que en anos anteriores”. A procedencia dos viaxeiros que pasaron por Ribadeo é Madrid, Cataluña e País Vasco, seguidos de Castela-León e Galicia. Polo que se refire aos extranxeiros chegan desde Francia, Alemania e Italia, “e desde América os que máis nos visitan son os arxentinos e estadounidenses”.

A responable municipal de Turismo subliñou que “a xente agradécenos como creación a credencial do viaxeiro. Ata onte entregáronse unhas 1.500. Para a xente que viaxa en familia é un atractivo máis para visitar o noso litoral e moitos nos din que se non fose por esta credencial probablemente non terían chegado a coñecer Rinlo e mesmo o faro de Illa Pancha”.

Ana Martínez considera que “a cifra de visitantes deste verán pode resultar escandalosa, cando me pasaron os datos de turismo me pareceron moi importantes. Ribadeo segue a consolidarse como destino e punto atracción de viaxeiros. Isto non é unha casualidade, é o froito do traballo que se está a facer tanto desde o sector hosteleiro como desde o comercio, ese esforzo conxunto do eido empresarial que, unido ao traballo e ao esforzo que tentamos facer desde o Concello, consolida a Ribadeo como cabeceira de vacacións para moita xente”.

Exit mobile version