Site icon Crónica3.com A Mariña

Titulados poden solicitar unha das 70 bolsas que ofrece a Deputación

Aberto ata o 2 de outubro o prazo de solicitude das 70 novas becas para mozos titulados que ofrece a Deputación

– Os interesados nas bolsas Leonardo da Vinci poden consultar a documentación requirida e descargar o formulario de inscrición na páxina web www.deputacionlugo.org

– Están dirixidas a titulados universitarios en profesións relacionadas co medio ambiente, agroalimentación, gandeiría, pesca, informática, turismo e ciencias da vida; e titulados de FP en audiovisuais

– Os beneficiarios mellorarán a súa formación facendo prácticas durante un período de 3 meses e 3 meses e medio en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda

O prazo para solicitar as 70 novas bolsas de emprego que ofrece a Deputación de Lugo para favorecer a inserción laboral dos mozos titulados da provincia está aberto dende hoxe e ata o 2 de outubro, inclusive. Trátase de becas Leonardo da Vinci, que teñen custe cero para os beneficiarios. Os interesados poden consultar a documentación requirida e descargar o formulario de inscrición na páxina web www.deputacionlugo.org onde están colgadas as bases para a selección dos participantes.

As 70 becas Leonardo da Deputación son de dous tipos:

– As Lugojob: 50 becas para lucenses menores de 35 anos con formación universitaria relacionada cos seguintes sectores: agricultura, sivicultura, pesca, protección do medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. Lugojob ofrécelles prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda durante 3 meses. Non obstante, a estancia en ditos países será de 3 meses e medio porque durante as primeiras dúas semanas os participantes realizarán un curso de perfeccionamento do idioma.

– As TIC Lugo: a Fundación TIC, como organismo provincial especializado no desenvolvemento das tecnoloxías da Información e da Comunicación, xestiona 20 becas para lucenses menores de 30 anos, que nos últimos tres anos remataron os seus estudos na Escola de Imaxe e Son da TIC. Ticlugo ofrécelles prácticas en empresas de Portugal, Italia e Irlandat) durante 2 meses e medio. A estancia nestes países será de 3 meses xa que durante as dúas primeiras semanas os participantes tamén realizarán un curso de idioma.

A documentación necesaria

Os interesados nestas accións formativas, financiadas ó 70% pola UE, deberán entregar a seguinte documentación: fotocopia do DNI, certificado ou volante actualizado de empadroamento nalgún dos Concellos da provincia, fotocopia do título académico, currículum, certificado actualizado de períodos de inscrición como demandante de emprego, un escrito indicando a adecuación do título académico ós sectores ós que se dirixen as bolsas, e unha declaración responsable de non ser anterior beneficiarios dunha axuda Leonardo da Vinci.

No caso das becas Lugojob, hai que entregar esta documentación no Rexistro da Deputación de Lugo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a sábado. Pola súa banda, os aspirantes ás bolsas Ticlugo, terán que facelo na secretaria da Escola de Imaxe e Son, na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital, en horario de 8:30 a 15:00, de luns a venres.

Proceso de selección

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitude, publicarase no Taboleiro de Anuncios e nas páxinas web da Deputación e a Fundación TIC a listaxe de aspirantes. Como figura nas bases, o proceso de selección consistirá nunha proba de coñecemento (un cuestionario tipo test de 20 preguntas), na baremación dos méritos acreditados polos peticionarios e nunha entrevista persoal. A lista de admitidos publicarase no Taboleiro de Anuncios de Deputación e Fundación TIC, e nas súas webs: www.deputacionlugo.org e www.fundaciontic.org

Exit mobile version