Site icon Crónica3.com A Mariña

“Os traballadores de Alcoa teñen que ir falar co candidato do PP a un mitin porque non se dignou a reunirse con eles”, asegura o PSOE

Val: “Os traballadores de Alcoa teñen que ir falar con Feijóo a un mitin porque non se dignou a reunirse con eles”

-O candidato do PSdeG na Mariña, José Ramón Val, lamenta que “parece que con Feijóo non se pode falar se non é subido a un pedestal”

O candidato do PSdeG-PSOE na Mariña José Ramón Val, critica a actitude do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que hoxe dará un mitin na Mariña. “Agora vén de mitin a sacar a foto coas bandeiras, e nin se dignou a reunirse cos traballadores de Alcoa, senón que mandou o ministro de enviado para agocharse”, critica Val. O socialista lamenta “que teñan que ser os traballadores os que acudan ao mitin se queren falar con el, porque parece que con Feijóo non se pode falar se non é subido a un pedestal”, en referencia ás verbas do propio comité de empresa da fábrica, que afirmaba onte que irán ao mitin “non para incordiar, senón para esperalo na entrada cunha pancarta por se quere manter unha palabras” con eles.

Val esíxelle a Feijóo que “xa que vén de mitin, polo menos traia unha solución real baixo o brazo, e non promesas sen datos nin compromisos a longo prazo” para unha fábrica que representa o 35% do PIB da provincia. “Estamos nunha situación extrema, e máis cando acabamos de coñecer que Alcoa vén de perder 110 millóns de euros a nivel mundial no terceiro trimestre do ano e esixe máis que nunca seriedade e plans de futuro para as súas contratacións e investimentos”.

Acto de sanidade no Hospital da Costa

Por outra banda, esta mañá os candidatos Elba Veleiro e Miguel Ángel Fernández e o secretario provincial de Sanidade, Miguel Rodríguez Lois, participaron nun acto informativo con profesionais sanitarios no Hospital da Costa no que falaron sobre as carencias do sistema sanitario na provincia e no propio centro. Os representantes do PSdeG lamentaron que “nesta lexislatura non teña chegado a ampliación que tanto prometeu Feijóo para despois non facer nada”, e as condicións “precarias” nas que están a ser atendidos os pacientes en casetas prefabricadas modulares no exterior do hospital. Neste senso, lembraron o compromiso do PSdeG de “blindar a sanidade pública” como un dos piares fundamentais do seu programa electoral.

Exit mobile version