Site icon Crónica3.com A Mariña

A aplicación para móbiles de MeteoGalicia, MeteoSIX, supera xas as 20 mil descargas

METEOSIX, A APLICACIÓN PARA MÓBILES DE METEOGALICIA, SUPERA XA AS 20.000 DESCARGAS

 MeteoSIX Mobile achega a predición do tempo para tres días en Galicia,
personalizada para 29.500 localidades e 800 praias

 A versión para iPhone saíu en xullo e en setembro publicouse a terceira
actualización para os smartphones con Android, que entre outras
melloras engade soporte para a última versión desta plataforma

 Este ano a cobertura da aplicación estenderase a todo o litoral atlántico e
resto da Península, con novos servizos, como datos das estacións
meteorolóxicas e información relativa ás mareas ou ás horas de saída e
posta do sol

Santiago de Compostela, 03 de outubro de 2012. – Obter no móbil a predición
meteorolóxica para calquera punto de Galicia ou da súa costa é hoxe algo moi
sinxelo grazas á aplicación MeteoSIX Mobile, dispoñible para os teléfonos
intelixentes e tabletas que contan cos sistemas Android e iOS (iPhone e iPad).
Milleiros de persoas xa teñen instalada nos seus teléfonos intelixentes a aplicación,
descargada unhas 20.400 veces, e que permite buscar entre máis de 29.500
localidades e 800 praias ou seleccionar calquera lugar no mapa, en terra ou no
mar, e obter a predición para ese punto.
Unha vez seleccionado o lugar, ou cando o propio móbil detecte onde se
atopa, pódese consultar a predición hora a hora para tres días e as seguintes
variables: estado do ceo, temperatura, precipitacións, vento, cota de neve,
humidade relativa, cobertura nubosa, presión, altura, período e dirección de onda e
temperatura e salinidade da auga. MeteoSIX Mobile permite gardar facilmente os
lugares favoritos, para poder así acceder á predición meteorolóxica ou
oceanográfica para eses puntos directamente e sen necesidade de buscalos de
novo.
Está previsto que neste ano 2012 a cobertura da aplicación se estenda a todo
o litoral atlántico e resto da Península Ibérica, con novas melloras e servizos, como
poder coñecer información relativa ás mareas ou ás horas de saída e posta do sol
nun punto determinado. Tamén se poderá consultar o estado da meteoroloxía para
calquera punto de Galicia en tempo real, a partir dos datos procedentes das
estacións meteorolóxicas.
INFORMACIÓN ABERTA
Usuarios avanzados como grupos de investigación universitarios e
desenvolvedores interesados en crear novas aplicacións a partir dos datos que
publica MeteoGalicia contan ademais cun servizo web que achega os datos de
predicións en diversos formatos de fácil procesamento ou directamente inseribles
en webs.
O proxecto MeteoSIX iniciouse en decembro do 2009 e está coordinado por
MeteoGalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, e nel tamén participan o Grupo de Arquitectura de Computadores
da Universidade da Coruña (UDC), o Laboratorio de Sistemas da Universidade de
Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Supercomputación de Galicia
(CESGA).
Está financiado polo Plan Galego de I+D+i INCITE da Xunta de Galicia en
colaboración co proxecto Interreg RAIAco, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica,
e busca dotar a MeteoGalicia dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o
acceso a datos meteorolóxicos e oceanográficos e crear canles de acceso á
información axeitadas para o maior número posible de usuarios.
Información adicional relativa á aplicación e a este proxecto pode consultarse
neste enderezo:
http://www.meteogalicia.es/web/proxectos/meteosix.action

CESGA
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que depende da
Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e do Consello Superior de
Investigacións Científicas (CSIC), é un organismo cunha traxectoria de máis de 19
anos. O seu obxecto é investigar, fomentar e difundir servizos de cálculo intensivo e
comunicacións avanzadas ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así
como a aquelas empresas ou institucións que o soliciten

Exit mobile version