Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación internacional de Estudos Galegos manifestou o seu malestar coas políticas lingüísticas e culturais

X Congreso Internacional da AIEG en Cardiff/Caerdydd, País de Gales

A Asociación Internacional de Estudos Galegos manifestou o seu malestar coas políticas lingüísticas e culturais

No informe co que pechou a súa presidencia no período 2009-2012, Craig Patterson asegurou que malia a crise, os Estudos Galegos medraron no mundo nos últimos tres anos e que ao colectivo lle tocou vivir “unha realidade negativa tanto económica como política”. Ademais, sobranceou o profundo compromiso da entidade con Galicia e sinalou: “Foinos eticamente imposible ficar calados”.

(Cardiff, Gales – 26 de setembro de 2012). O presidente en funcións da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), Craig Patterson, pechou o seu mandato cun informe de xestión no que sinalou a boa saúde dos ámbitos nos que se analiza a realidade galega polo mundo adiante e no que, ademais, declarou publicamente o malestar da entidade coas políticas lingüísticas e culturais de Galicia. Foi durante a celebración da décima Asemblea Xeral de Socias e Socios da entidade, que tivo lugar no marco do X Congreso Internacional da AIEG que tivo lugar na capital galesa, Cardiff-Caerdydd, entre o 12 e o 14 de setembro e no que participaron 150 investigadoras e académicos de todo o planeta, ofrecendo 120 comunicacións sobre as máis diversas temáticas.

“Cun novo clima político e nun contexto de recurtes xeralizados e menos apoio institucional, fixemos intentos infrutuosos por chegar a acordos de colaboración en diversas materias e con propósitos concretos, para o que se mantiveron reunións en San Caetano co Secretario de Política Lingüística e co Director Xeral de Creación e Difusión da Cultura”, comezou o seu informe o entón presidente en funcións.

Nesa liña, salientou e agradeceu o forte e permanente compromiso de colaboración do Consello da Cultura Galega e doutras institucións que funcionan tanto dentro como fóra do Estado Español, entre as que listou á Embaixada de España en Londres, o Instituto Cervantes de Londres ou a Asemblea Nacional Galesa, entre outros.

Entre os logros da súa xestión, Patterson salientou a creación dunha nova páxina web para a AIEG e as posibilidades que este espazo ofrece aos máis de 150 asociados que a entidade ten en todo o mundo; tamén a publicación do Directorio de Galicianistas dispoñible en internet e que permite poñer en contacto aos académicos que traballan sobre temáticas vencelladas a Galicia alí onde eles residan.

“Creamos un foro virtual polo que podemos difundir información sobre o mundo dos estudos galegos polo mundo, e polo que tamén os nosos socios poden compartir enlaces e datos interesantes de interese e beneficio colectivo”, engadiu Patterson.

E completou referindo ás redes sociais: “A AIEG entrou autenticamente no século XXI coa creación da súa propia páxina Facebook, que xa conta con máis de 1000 membros e que nos permite contactar cun público moito máis amplo, e por medio deste escaparate global puidemos facer medrar o perfil, presencia e relevancia da AIEG e dos estudos galegos a nivel internacional”, apuntou.

Patterson lembrou que a asociación participou por primeira vez na súa historia nos cursos de lingua galega celebrados durante o verán nas universidades galegas: “Procuramos estabelecer contacto coa mocidade internacional comprometida coa aprendizaxe do galego para animala a facerse socia e participar nas nosas actividades”.
Institución

“Tentamos sempre manter cando non fortalecer as nosas relación institucionais. Os fortes vínculos que a AIEG mantén co Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e as universidades galegas vense nitidamente reflectidos na presenza de representantes destas entidades durante este congreso en Cardiff”, sinalou o profesor inglés.

Outro panorama é o que se debuxa coas institucións oficiais. “Xa falamos da realidade que nos tocou vivir e como os xestores da única asociación de estudos galegos no mundo, unha realidade negativa tanto económica como política”, contextualizou.

E engadiu: “Quede notado, entón, que non tivemos outro remedio, dadas esas circunstancias tan prexudicais para a lingua, cultura e realidade galegas que son o obxecto e enfoque da nosa disciplina tan multifacética, ca o de declarar publicamente o noso malestar coas políticas lingüísticas e culturais do goberno actual”.

Patterson, que é académico correspondente da Real Academia Galega, salientou o profundo compromiso da AIEG con Galiza que “tamén serviu para xerar máis conciencia arredor da nosa organización”.

“No tocantes a nosa relación coa Xunta de Galicia, mandamos varias solicitudes pedíndolle apoio económico ao congreso, e convidamos ao presidente, Alberto Núñez Feijoo, e ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, a asistir a ese acto en Cardiff. Se chegaron a responder, lamentaron non poder asistir”, relatou.

Aínda que a AIEG mantivo varias reunións nas que sempre atopou moi boa predisposición, “lamentablemente para a entidade, estas xuntanzas non se materializaron en apoio económico nin de outro tipo”, sinalou Patterson.

Congreso

O X Congreso da AIEG desenvolveuse entre o 12 e o 14 de setembro e contou con 150 asistentes chegados de Galicia e España ademais de 11 países e 4 continentes distintos: Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Polonia, Portugal e Estados Unidos.

“Quixera sobrancear a gran variedade de enfoques, perspectivas e disciplinas que se poden ver con botar unha ollada polo programa e que reflicten o estado dinámico dos estudos galegos”, compartiu.

Ademais, e por vez primeira, o Congreso acolleu a celebración dun Obradoiro sobre Estudos Rosalianos, que coordinou a escritora e teórica da literatura María do Cebreiro e que contou coa participación das máis importantes expertas e expertos na obra da autora de Padrón.

Durante a celebración da Asamblea Xeral saíu elixida tamén a nova xunta directiva da AIEG para o período 2012-2015, encabezada pola xornalista e profesora da Universidade de Bos Aires, Débora Campos. O XI Congreso da AIEG celebrarase en Bos Aires en 2015, ano no que se cumprirán 30 anos de AIEG.

Exit mobile version