Concepción Burgo afirma que “en Lugo hai 27.000 razóns” para pedir un cambio e “votar ao PSOE”
-A cabeza de lista por Lugo, que se reuniu cos dirixentes das tres principais centrais sindicais na provincia, prometeu “unha actitude distinta, de concerto e diálogo” fronte á do PP, de “maltrato e ninguneo”
-“Xa vemos de que maneira lle cadran as contas a Feijóo, facendo trampas”, destacou o número dous da candidatura, Carlos González Santín
A candidata socialista destacou que os sindicatos son unha das institucións “máis maltratadas” e “ninguneadas por Rajoy e Feijóo” con temas como a reforma laboral, en contra da necesidade “dunha negociación e diálogo”. Neste senso, asegurou que o PSdeG vai poñer en marcha “políticas de crecemento, que son as que traerán emprego a este país” nunha aposta polos sectores produtivos. “Imos ter unha actitude distinta, de concerto, de diálogo, de tratar os problemas coa xente e cos sindicatos” antes de tomar decisións.
Pola súa banda, o número dous da lista luguesa, Carlos González Santín, contrapuxo a actitude do candidato á Xunta Pachi Vázquez, que fala “dos problemas da xente” á de Feijóo, que só se preocupa “por temas como a conferencia de presidentes e que lle cadren as contas, que xa vemos de que maneira lle cadran, porque o Consello de Contas di que o señor Feijóo fai trampas, e quero recordar que é o maior órgano que fiscaliza as contas de Galicia. Presume das súas contas e a súa xestión, que é nefasta”.