Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG inicia unha campaña para denunciar “as consecuencias nefastas” que tivo para Galiza o goberno da Xunta

A CIG inicia unha campaña para denunciar “as consecuencias nefastas” que tivo para Galiza o Goberno de Feijoo

A CIG vai desenvolver unha intensa campaña de axitación con asembleas en empresas, actos na rúa e mobilizacións para denunciar as nefastas consecuencias que para Galiza tiveron os anos de Goberno do PP na Xunta.

A campaña concluirá nunha primeira fase coa convocatoria de manifestacións en todas as comarcas o día 4 de outubro –Foz ás 20:00h.- que a central pretende sexan un reflexo do descontento e rexeitamento que existe entre a cidadanía ás políticas de axustes aplicadas polo Partido Popular.

O Presidente e candidato popular, Alberto Núñez Feijoo, lidera un goberno que colaborou abertamente coas políticas de axustes promovidas pola UE (postas en marcha no Estado no seu momento polo PSOE e seguidas polo Executivo de Mariano Rajoy). Políticas cuxas consecuencias afectan de xeito grave aos servizos públicos e ao tecido produtivo, e polo tanto á calidade de vida dos galegos e galegas.

Para visibilizar a profunda situación de deterioro á que chegaron ás condicións laborais e sociais nestes anos, basta lembrar que, segundo os últimos datos da EPA, en Galiza contabilízanse máis de 275.000 desempregados/as (o 21% da poboación activa), dos que 160.000 pasaron a engordar as listas do paro durante a “era Feijoo.

Abundando nestas cifras, cabe sinalar que 50.600 desempregados/as corresponden ao sector industrial; un sector básico para o desenvolvemento económico de Galiza, que ao mesmo tempo é o que crea emprego de maior calidade e estabilidade. Ademais, mentres o número de parados/as de longa duración xa ascende a máis de 76.000 persoas, a emigración entre a xente nova continúa en crecemento.

Na nosa comarca o saldo da xestión do actual goberno do PP non pode ser máis nefasto. A sangría de EREs, despedimentos, peches de empresas e comercios, foi unha constante durante esta lexislatura e provocou o incremento no numero de desempregadas/os inscritos nas oficinas de emprego en porcentaxes superiores incluso aos do resto do país, e a emigración da nosa mocidade.

Ante este panorama social e económico profundamente preocupante -que previsibelmente empeorará ao longo do vindeiro ano en función das medidas que se están a aplicar- e a convocatoria de eleccións para o 21 de outubro, a CIG non pode xogar á ambigüidade polo que acordou pór en marcha esta intensa campaña de axitación, para denunciar, a través de asembleas nos centros de traballo, actos na rúa e mobilizacións, cales son as verdadeiras consecuencias das políticas de recortes do Partido Popular.

Esta campaña, rematará nunha primeira fase coa convocatoria de manifestacións comarcais o día 4 de outubro, coincidindo coa data de inicio da campaña electoral, e chamando á cidadanía a que rexeite na rúa as políticas aplicadas até agora.

O obxecto destas actuacións avogan tamén polo triunfo nos comicios de forzas políticas que estean decididas a enfrontarse ás medidas antisociais promovidas dende a UE e o goberno español, que sexan sensíbeis aos intereses reais da clase traballadora e de Galiza como nación, nun momento ademais, no que se está aproveitando para recortar competencias ás autonomías. Votar PP é condenar a este País a unha situación sen saída, tanto na orde material como no que ten que ver co tecido produtivo e os dereitos sociais, culturais e lingüísticos.

Dende a CIG convidamosvos a participar na manifestación que terá lugar este xoves día 4 en FOZ, con saída ás 20h diante da Casa do Concello.

Exit mobile version