Site icon Crónica3.com A Mariña

A dobre aposta xuvenil do CD Burela FS Pescados prepárase para a inminente estrea

A DOBRE APOSTA XUVENIL 2012-13 PREPÁRASE PARA A INMINENTE ESTREA

O CD Burela FS Pescados prepárase esta semana para a inminente estrea competitiva, con dobre aposta na categoría xuvenil 2012-13. O vindeiro domingo debutará o novidoso proxecto laranxa na Liga Autonómica en Vista Alegre fronte ao Sarria Peña Españolista (12.00); xunto a el tamén regresa ás pistas o tradicional conxunto da Liga Nacional, que recibirá o Cidade de Viveiro, en derbi comarcal, o venres (Vista Alegre, 21.30 horas).

O cadro de Liga Autonómica, dirixido por Cristian Fustes, será o único representante mariñán no torneo e un dos catro da provincia de Lugo, xunto ao CP Casás, Concello de Guitiriz e Sarria Peña Españolista. Tamén participarán na liga o Parrulo Ferrol, Vigo 2015, Ventorrillo, Hércules Coruña, Santiago Futsal, Barval e Troula Betanzos. O Coinasa Ourense FS anunciou esta semana a súa retirada.

O primeiro desprazamento para os burelistas será a próxima semana, coa visita ao Parrulo Ferrrol FS. A liga finalizará o 4 de maio de 2013 en Vista Alegre ante o CP Casás, despois de 22 xornadas.

A escuadra de Liga Nacional continuará ás ordes de Iván Cao ‘Lucas’, que compatibilizará este labor co Burela FS B, de Terceira División. Cos dous representantes da bisbarra, formarán parte da competición os lugueses Vilalba FS e Azkar Lugo FS, ademais de Automoción La Junquera (Vilagarcía de Arousa), O Esteo FS (As Pontes de García Rodríguez), Vigo IES Coruxo, Leis Pontevedra, Santiago Futsal, Noia FS, Cidade de Narón e ADFS Bueu Muebles Río.

O Burela FS despedirá o torneo o 7 de abril tamén na casa, fronte ao Noia FS. O seu primeiro encontro a domicilio será o 14 de outubro, na cancha do Esteo FS.

Escola ED EON Burela FS

Despois dos primeiros adestramentos, do reencontro cos amigos para algúns e de vivir as novas experiencias do fútbol sala para outros, os máis pequenos tamén sentirán a emoción dos partidos esta fin de semana. Os conxuntos alevín e infantil, da ED EON Burela FS, e o cadete viaxarán á cidade amurallada para festexar o San Froilán ante a base do Azkar Lugo.

Liga Nacional Xuvenil

Burela FS-Cidade de Viveiro FS

Venres 5 de outubro, ás 21.30 horas, no pavillón Vista Alegre de Burela

Liga Autonómica Xuvenil

Burela FS-Sarria Peña Españolista

Domingo 7 de outubro, ás 12.00 horas, no pavillón Vista Alegre de Burela

Amigables

Azkar Lugo FS Alevín-ED EON Burela FS Alevín

Sábado 6 de outubro, ás 10.30 horas, no Centro Terra de Lugo

Azkar Lugo FS Infantil-ED EON Burela FS Infantil

Sábado 6 de outubro, ás 11.30 horas, no Centro Terra de Lugo

Azkar Lugo FS Cadete-Burela FS Cadete

Sábado 6 de outubro, ás 12.30 horas, no Centro Terra de Lugo

Exit mobile version