Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acode á Feira Sial de París buscando apoio para as empresas de alimentación galegas

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOIA A EMPRESAS ALIMENTARIAS GALEGAS NA BUSCA DE NOVOS CLIENTES DENTRO DA FEIRA SIAL DE PARÍS

A plataforma da rede Pexga en París apoia a máis dunha vintena de compañías do sector da conserva, o viño e produtos lácteos na busca de novos negocios
Responsables do Igape e da CEG achegan o potencial económico de Galicia aos investidores internacionais, no stand do Pays de la Loire

Santiago, 25 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria apoia o labor de máis dunha vintena de empresas galegas do sector agroalimentario na busca de novos clientes dentro da feira Sial que se está a desenvolver desde o pasado día 21 en París ata hoxe.

Estas empresas participaron na importante mostra internacional, no espazo habilitado para Galicia e a rede de Plataformas Pexga que a consellería ten no stand do ICEX. Entre a representación galega destaca a presenza de empresas de conservas, seguidas das de viños ou produtos lácteos.

Co apoio á delegación empresarial galega na SIAL a Consellería de Economía e Industria impulsa unha nova iniciativa para potenciar a internacionalización das empresas galegas, neste caso centrándose nas actividades de transformación e distribución de produtos agroalimentarios de recoñecida calidade e con importante grao de penetración en mercados exteriores.

Máis alá dos encontros de carácter comercial, os representantes das empresas galegas desprazadas a París tamén están a aproveitar os contactos nesta mostra internacional para avaliar posibles alianzas en eidos como a innovación ou a transferencia de tecnoloxías aplicadas á óptima conservación dos produtos alimentarios.

Por outra banda, responsables do Igape e da CEG aproveitaron a SIAL para facer unha presentación do potencial económico de Galicia, e en concreto do seu sector alimentario, como un espazo idóneo para os negocios e as alianzas. Esta presentación desenvolveuse no stand oficial do Pays de la Loire.

Exit mobile version