Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta adxudica as obras de construción de beirarrúas en Cangas de Foz

A XUNTA ADXUDICA AS OBRAS PARA A CONSTRUCIÓN DE BEIRARRÚAS EN CANGAS DE FOZ, NA TRAVESÍA DA LU-162, POR 212.000 EUROS

 Este proxecto completa as actuacións de mellora realizadas recentemente na vía por un importe próximo aos dous millóns de euros

Santiago, 16 de outubro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou hoxe a través da Sociedade Pública de Investimentos as obras para a construción de beirarrúas en Cangas de Foz, na LU-162. O proxecto foi adxudicado á empresa Isidro Otero S.L. por 212.342 euros cun prazo de execución de tres meses.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas construirá beirarrúas en ambas marxes ao longo de 515 metros do tramo urbano da vía, que conecta Cangas con Ferreira de Valadouro, de xeito que a actuación contribuirá sensiblemente a mellorar a seguridade viaria na localidade.

Trátase dunha vía de conexión da comarca da Mariña que rexistra elevadas densidades de tráfico, estimándose que o radio de poboación beneficiada -de Foz e os concellos da contorna- supera os 26.000 habitantes.

Esta actuación, que desenvolve a Axencia Galega de Infraestruturas, vén completar as obras de mellora realizadas hai uns meses e que consistiron na rehabilitación do firme da estrada, sinalización, balizamento e mellora dos sistemas de contención. Estas obras alcanzaron un investimento de 1.913.385,64 euros.

Características técnicas
Ademais da construción de beirarrúas, o proxecto contempla a disposición dunha rede de pluviais en cada marxe da estrada, mediante tubos de PVC de 400 mm de diámetro, conectándoas coas redes existentes para o desaugue. Ao longo dos tramos, disporanse pozos de rexistro de cada 60 metros e sumidoiros sifónicos cada 30 metros, para poder evacuar a auga procedente da calzada.

Pola súa banda, as beirarrúas construiranse con baldosa hidráulica de 30×30 centímetros, sobre morteiro, formigón e zahorra artificial, con bordo de formigón bicapa.

Exit mobile version