Site icon Crónica3.com A Mariña

Alcoa ten futuro

<< Alcoa ten futuro >>

Sería absurdo pensar que calquera administración vai a renunciar a defender con toda intensidade a actividade dunha empresa como Alcoa que dá traballo a máis de 2.000 persoas e representa máis dun terzo da actividade económica da nosa provincia. Pero, a maiores de todo iso, a visita do Ministro de Industria supón a manifestación explícita dese compromiso e o apoio firme, inequívoco, claro e rotundo para que Alcoa siga a ser un proxecto con futuro e siga apostando pola Mariña para localizar a súa actividade e xerar riqueza e emprego.

Aínda que respectamos calquera opinión, os feitos son bastante tozudos, non suxeitos a interpretación: Alcoa valora os apoios sistemáticos dos gobernos central e autonómico, retira o seu ultimato de peche e prognostica un final feliz. Porque o ministro Jose Manuel Soria dixo que Alcoa seguirá dispoñendo, pasado o mes de decembro, dunha tarifa competitiva que permita ás factorías de Galicia manter a súa actividade. O compromiso de Industria é tamén o da Xunta, que ante todo quere manter o traballo nesta industria.

O Goberno de España non deu as costas en ningún momento a Alcoa e os seus traballadores, de feito é o seu principal aliado no obxectivo de convencer a Bruxelas -que ten que dar o visto e prace final da proposta efectuada onte- de que a solución pasa por un marco estable a nivel estatal para todos os grandes consumidores de enerxía.

Lonxe de distintas visións, hai un feito claro. A visita do ministro serviu para dar tranquilidade, para evitar o nerviosismo dunha crise contrareloxo da que non víamos fin. Hoxe máis que nunca temos a certeza de que neste camiño o Ministerio é sensible ao problema de Alcoa, e de que os populares galegos seguiremos estando á beira dos que pensan que Alcoa ten futuro. Pedimos, polo tanto, unha marxe de confianza para que se presenten, desenvolvan e ofrezan os seus primeiros resultados as propostas prometidas por José Manuel Soria.

Exit mobile version