Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrinca o Outono Cultural co taller de teatro infantil que reúne a 11 nenos e nenas

Arrinca o Outono Cultural co taller de teatro infantil que reúne a 11 nenos e nenas

-O primeiro día da actividade, os cativos participarán en xogos de grupo para perder o medo escénico e traballar a expresión corporal

Cervo, 18 de outubro de 2012-Este sábado Cervo dá a benvida ao Outono Cultura, un programa de actividades dirixido a públicos moi variados para os meses de outubro e novembro e que comeza co taller de teatro infantil. Trátase dunha iniciativa de achegamento dos nenos e nenas á arte escénica que se desenvolve todos os sábados de outubro e novembro.

No taller están anotados 11 nenos e nenas de entre 6 e 11 anos, que aprenderán técnicas teatrais e practicarán exercicios de interpretación ao mesmo tempo que ensaian unha peza de teatro infantil adaptada que representarán diante do público o día 24 de novembro. Pero antes de comezar a preparación da obra, o primeiro día, este 20 de outubro, será unha toma de contacto inicial.

Así, nesta primeira xornada os cativos e cativas participarán en xogos para practicar coa xestualidade facial e os movementos corporais a través de mímica ou do desenvolvemento da imaxinación. Con eles tamén se pretende que interctúen e se vaian coñecendo así como que perdan o medo escénico e a timidez.

Deste xeito, os pequenos terán que imaxinar que están no espazo exterior e reproducir os movementos nun contorno sen gravidade, terán que lanzar e recoller unha pelota inexistente, controlar o seu corpo e a súa actividade converténdose en estatuas, reproducir sons ou imitar os xestos dos compañeiros.

“Estos juegos iniciales son necesarios para promover una buena relación entre todos los asistentes, ya que serán compañeros de reparto en la obra que se representará al final de la actividad” asegura a edil de Cultura, Begoña Alonso. A concelleira explica tamén a importancia deste taller, “con el que pretendemos transmitir a los más pequeños el valor de la cultura y del teatro, y creemos que la mejor forma de hacerlo es implicándolos y fomentando el contacto directo con las artes escénicas desde la infancia”.

Exit mobile version