-O prazo de inscrición permanece aberto, polo que as cifras de matriculados aínda poden aumentar
Cervo, 4 de outubro de 2012-As Escolas Deportivas Municipais arrincaron esta semana cunha participación que chega ás 200 persoas, das que unhas 80 son nenos e nenas e unhas 120 son adultos. As distintas actividades foron comezando paulatinamente, segundo as súas propias datas de desenvolvemento e, a día de hoxe, xa están todas iniciadas. Aínda así, os datos de usuarios aínda son provisionais, xa que a inscrición permanece aberta e é previsible que o número de participantes vaia crecendo nos vindeiros días. Polo momento, entre os pequenos trunfa a patinaxe, e entre os adultos o máis demandado é a ximnasia de mantemento e o pilates.
A oferta é “completa” asegura a edil de Deportes, Yolanda Pedreira, e “esa variedade é un aliciente á hora de apuntarse, xa que é difícil que alguén que teña ganas de practicar deporte ou de facer exercicio non atope unha actividade do seu gusto”. O programa inclúe unha decena de disciplinas e modalidades dirixidas a públicos diferentes, dende nenos ata adultos, e combina xogos para os máis pequenos con deportes de balón e de raqueta, patinaxe, ou modalidades aeróbicas e ximnásticas.
Ademais, cabe destacar que o programa de actividades deseñado é posible grazas ao aproveitamento das numerosas instalacións deportivas municipais, e tamén á colaboración dos centros educativos do municipio, onde tamén se desenvolven algunhas das clases.