Site icon Crónica3.com A Mariña

Cómodo triunfo do Burela-Pescados Rubén feminino no derbi galego

Cómodo triunfo do Burela-Pescados Rubén feminino no derbi galego

O Burela Pescados Rubén cumpriu co guión esperado e venceu comodamente no inédito derbi galego, na máxima categoría, ante o Viaxes Amarelle por 1-5. Resultado que plasma o excelente inicio burelao. Empate inicial e cinco vitorias consecutivas que as manteñen no liderado da Primeira División.

O conxunto dirixido por Javier Pardeiro non atopou excesivos problemas para lograr a vitoria ante un rival que apostou por unha estratexia arriscada. O equipo herculino alternou en ocasións o xogo de cinco, primeiro intento no minuto seis de partido, co xogo posicional. Os réditos da súa ousadía foron nulos e o Burela mantivo a temperanza precisa para golpear ás herculinas.

Lidia Mesías foi a primeira en asumir o papel de ariete para abrir a meta local, minuto seis de xogo, xusto despois do primeiro envite local. O segundo intento das coruñesas con xogo de cinco, atopouse coa resposta de Dany. A brasileira fíxoo todo. Rouba o balón, regatea ao seu par, dispara e Paula repele o primeiro intento. A pelota quere a Dany, e no rexeite non perdoa. Minuto 14 e 0-2 no marcador. Sen maiores sobresaltos chegouse ao descanso con este resultado.

No segundo asalto, o Burela modificou a súa retagarda e Patri substituíu a Jozi. A porteira laranxa debutou en competición ligueira na súa cidade natal. Tamén se estrearon Paula e Silvia, as benxamins mariñás. Sen apenas tempo transcorrido, o Burela Pescados Rubén quixo cortar calquera indicio de esperanza local. Lucía Nespereiraculminou unha xogada de estratexia nun córner e estableceu o 0-3, minuto 21. Sen pisar o acelerador, as pupilas de Pardeiro aumentaron a renda co cuarto, minuto 26, logrado por Dany, segundo na conta persoal. Acción clásica de Dolo que serve á goleadora burelá ao segundo pau.

O choque estaba visto para sentenza a falta de catorce minutos para o final. Máis aínda cando Peque marcou o quinto, desde 30 metros, aproveitando outra inxenuidade das coruñesas con porteira xogadora. Ata o final, o máis destacado foi a expulsión da porteira laranxa, Patri, por dobre amoestación, moi rigorosa a primeira delas. Paulita aproveitou a superioridade numérica local para marcar o 1-5 final.

Haydée. Finalmente, a xogadora laranxa terá que ser operada da tendinite rotuliana crónica do xeonllo dereito, lesión que arrastra desde o principio de tempada e que minguaba, loxicamente, o seu rendemento.

Tras un tratamento conservador, con factores de crecemento, que minimizou a dor pero que non logrou que este remitise totalmente, determinouse por consenso entre as partes implicadas; xogadora, club e servizos médicos que a cirujía era a mellor opción.
A cita cirúrxica concretouse a última hora do pasado venres, polo que Haydée xa non participou no duelo ante Viaxes Amarelle. O vindeiro luns día 22, ás 17.30 horas, Haydée será intervida no Policlínico Lucense de Lugo. O traumatólogo José Antonio López Rodríguez, é o responsable da operación.

Ficha técnica

Viajes Amarelle: Paula, Monchi, Patri, Rebe, Lago –cinco inicial- María, Lucía, Sheila, Paulita, Sarita e María Gómez.

Burela Pescados Rubén: Jozi, Lucía Nespereira, Dolo, Peque, Dany –cinco inicial- Lidia Mesías, Maite, Paula, Patri e Silvia.

Goles: 0-1, min.6, Lidia Mesías; 0-2, min.13, Dany; 0-3, min.21, Lucía Nespereira; 0-4, minuto 24, Dany; 0-5, minuto 30, Peque; 1-5, minuto 36, Paulita.

Exit mobile version