Site icon Crónica3.com A Mariña

Compromiso por Galicia fixo en Viveiro unha aposta polo comercio local e propuxo unha solución para a variante

IVÁN MARRUBE DIXO HOXE EN VIVEIRO QUE É NECESARIA UNHA APOSTA REAL POLO COMERCIO LOCAL PARA EVITAR O PECHE DE ESTABLECEMENTOS. TAMÉN PROPÓN UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA PARA A VARIANTE TENDO EN CONTA A OPINIÓN DOS VECIÑOS DE MAGAZOS.

Viveiro, 8 de outubro de 2012. O cabeza de lista de Compromiso por Galicia para a provincia de Lugo, Iván Marrube, estivo hoxe en Viveiro, onde propuxo medidas para apoiar ao comercio local e unha solución inmediata para a variante tendo en conta a opinión dos veciños de Magazos, “parroquia que queda partida por ese vial”.

Marrube explicou que “é necesaria unha aposta real polo comercio local, porque é un gran empregador que xera moita riqueza, pero día a día están pechando moitos establecementos por falta de apoio”.

O candidato de Compromiso por Galicia tamén considera preciso “solucionar de forma inmediata o problema da variante de Viveiro, que deixa partida á parroquia de Magazos e para evitalo deberíanse ter en conta as solucións que aportan os veciños”.

Iván Marrube referiuse ademais á asociación de armadores pesqueiros Puerto de Celeiro e dixo que “é moi importante contar coa súa aposta pola investigación, o desenvolvemento e a innovación”.

O cabeza de lista de CxG tamén aludiu hoxe a outras das propostas desta formación, relativa aos medios de comunicación públicos: “impulsaremos uns medios de comunicación públicos, profesionais e imparciais”.

Exit mobile version