O alcalde trasladará á Fegamp os abusos das eléctricas que sofren decenas de cervenses
-Alfonso Villares comprometeuse a realizar todos os trámites necesarios na Federación Galega de Municipios e Provincias, onde ostenta o cargo de vicepresidente, para tentar buscar unha solución aos conflitos coas empresas de electricidade
-O rexedor tamén anunciou que o Concello habilitará persoal de apoio aos afectados
En concreto, o rexedor anunciou que o Concello habilitará unha oficina de atención que permitirá canalizar as reclamacións, facilitará os trámites aos afectados e fará chegar eses escritos ao órgano competente. Ao mesmo tempo, Villares tamén se comprometeu a trasladar os abusos das eléctricas á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), onde o alcalde ostenta o cargo de vicepresidente. O mandatario asegurou que traballará “co obxectivo de buscar unha solución a medio-longo prazo para tentar acabar co problema de raíz”.
Ademais, Villares valorou moi positivamente a xuntanza entre veciños e técnicos convocada como un foro aberto para resolver dúbidas e expoñer as distintas situacións. “O encontro foi de moita utilidade xa que alí puidemos coñecer de primeira man os numerosos casos que se están producindo e os variados problemas cos que se atopan os consumidores” explica o primeiro edil.
“A situación é moi complexa e xeneralizada” engade Villares, que asegura que “os concellos tamén somos vítimas do excesivo poder outorgado ás eléctricas”, por iso “é imprescindible “darlle resposta a este problema”. O rexedor tamén destacou o nivel ao que chegan os abusos: “Numerosos usuarios están recibindo facturas de importes desorbitados, que incluso é imposible que se produciran por ser moi superiores ao consumo que podería soportar a vivenda coa potencia contratada” explica Villares. Por iso, “é o momento de actuar, de facer que a voz dos cervenses sexa escoitada e que loitar para evitar que as eléctricas sigan cos seus excesos” remata o alcalde.