Do traballo constante á vitoria colectiva
Pero se temos que falar de días clave para a solución do conflito, non podemos esquecer a visita do ministro de Industria e o seu anuncio de crear un sistema para manter a competitividade da empresa, ou o día no que Mariano Rajoy se reuniu nos Estados Unidos co presidente da multinacional, ou todos os días nos que o presidente do Executivo galego se reuniu coa dirección da empresa, ou todos os días nos que Núñez Feijóo reiterou ante a opinión pública o carácter prioritario e irrenunciable de Alcoa.
Eran moitos os motivos para ser optimista, e por iso a chegada dunha solución por escrito non supuxo para min ningunha sorpresa. Pero hoxe, cos papeis sobre a mesa, ata os máis escépticos aplauden as medidas adoptadas. Agora si, o optimismo é un sentimento colectivo e xeneralizado. Aínda así, non podemos esquecer as numerosas dificultades atopadas no camiño da negociación. Uns obstáculos en forma de cifras de déficit tarifario desorbitadas ou dun sistema eléctrico liberalizado, situacións que nada teñen que ver coas políticas do actual Goberno do Estado. Pero a pesar de todo, gañamos. Gañou Cervo como concello no que se asenta a factoría; gañou A Mariña como comarca na que máis repercute a presenza de Alcoa; e gañou en xeral toda a sociedade. Porque esta é unha vitoria de todos e cada un dos mariñáns, que se implicaron na causa e velaron por conseguir que a planta non pasase a formar parte da nosa memoria para seguir estando no o noso presente e no noso futuro. A Mariña estivo en todo momento con Alcoa. Por iso tamén agardo que Alcoa responda pola Mariña e estea á altura da sensibilidade demostrada por todos os mariñáns.
Alfonso Villares, alcalde de Cervo